Israel Alonso, da Banda de Música de Pontevedra, premio finalista do Concurso Galego de Composición
Por Redacción
Israel Alonso é un músico, nacido en Vigo, que pertence á Banda de Música Municipal de Pontevedra e ademais é un compositor que comeza a obter importantes premios como o finalista na terceira sección do Concurso Galego de Composición para Bandas de Música pola súa obra titulada "Galaicus".
Este traballo está baseado na "Lenda do esquecemento", que se enmarca na comarca de Xinzo de Limia e leva por título o nome dun xeneral romano, Xullo Décimo Bruto, alcumado Galaicus, protagonista principal da historia. O premio é concedido pola Federación Galega de Bandas de Música.
Israel Alonso dedicou en agosto de 2013 a Marcha Fúnebre 24JL ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois en Santiago de Compostela. Esta peza foi estreada pola Banda de Música de Pontevedra na praza da Peregrina. Tamén é autor da Obertura 2012, dedicada á Banda pontevedresa polo seu 110 aniversario, que foi estreada en Portugal.
En maio deste ano estreou a peza A Pedra Moura, nun concerto do Teatro Principal a través da Banda de Música de Pontevedra baixo a batuta de Rafael Agulló Albors.