Macy Gray, por primeira vez en Galicia: actuará en Pontevedra o 7 de abril
Por Alejandro Espiño
O Pazo da Cultura reserva moitas sorpresas para 2017, ano no que celebrará o seu vixésimo aniversario. Pero a primeira delas xa foi revelada: a artista estadounidense Macy Gray actuará na cidade de Pontevedra o próximo 7 de abril. Será un dos principais atractivos dun novo ciclo musical: Voices.
Nunca antes Macy Gray actuara en Galicia. Farao por primeira vez na cidade do Lérez, nun concerto que pretende servir como punto de partida para un ciclo que, segundo a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, ofrecerá propostas musicais "diferentes" e para todo tipo de públicos. En principio, serán "tres ou catro" concertos ao longo do ano.
O ciclo Voices nace co obxectivo de achegar a Pontevedra algunhas das mellores voces nacionais e internacionais, desde as máis clásicas ás máis vangardistas. Farao apostando por sons de todo o mundo, sen atender a estilos e modas determinadas e primando sempre a calidade musical como o seu valor principal.
Así, soul, rock, indie, world music ou jazz, entre outros estilos, atoparán o seu espazo neste ambicioso ciclo musical que aspira a converterse nun referente non só en Galicia, senón en todo o noroeste peninsular, como destacou o seu director, Carlos Montilla.
"É unha proposta que vai a marcar, que vai a ter un impacto que vai a traspasar o contexto de Pontevedra", afirmou na presentación. Con este ciclo, engadiu, búscase recuperar a "esencia pura" do artista, desposuíndoos da tecnoloxía que "adultera o produto" e apostando por potenciar só a súa voz, "o máis primixenio que un artista pode ter".
Por Pontevedra pasarán voces "plurais e diversas" e a primeira será a de Macy Gray, unha artista cunha traxectoria de máis de 20 anos que vendeu máis de 25 millóns de discos en todo o mundo desde que en 1999 editaba o seu primeiro traballo, On How Life Is.
Nel incluíase un tema, I Try, co que esta artista nada e criada en Ohio (Estados Unidos) logrou o Grammy á mellor intérprete feminina e que supoñía os primeiros pasos dunha muller que, a día de hoxe, está considerada como unha das voces máis importantes do mundo dentro do soul e do rhytm and blues.
Ao longo da súa carreira experimentou ademais con outros xéneros como o rock alternativo, o retro-disco e o hip-hop. Este carácter indomable e enérxico, que lle levou a probar sorte tamén no cinema, recóllese no seu último disco, The Way, que presentará en directo no seu concerto en Pontevedra.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de 20 euros (anticipada) e 24 euros (en despacho de billetes), están xa á venda a través de www.ataquilla.com.
Relacionadas:
-
The Divine Comedy actuará o 15 de setembro no Pazo da Cultura de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Unha indomable Macy Gray marabilla o público pontevedrés na estrea do ciclo Voices
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Maika Makovski súmase a Voices, o novo ciclo musical do Pazo da Cultura
Por Alejandro Espiño |
-
A xira máis íntima de Marlango chega a Pontevedra o 4 de marzo
Por Alejandro Espiño |
-
Marlango, The Sadies, Delafé, De Vacas e Orquestra Os Modernos explorarán as mañás musicais
Por Redacción |
-
O Pazo promete un 2017 "espectacular" para celebrar o seu vixésimo aniversario
Por Alejandro Espiño |