Visita guiada pola Biblioteca para celebrar este mércores 11 o 'Día do usuario das bibliotecas'
Por Redacción
Este mércores 11 de xaneiro celébrase, en todas as bibliotecas públicas, o "Día do usuario das bibliotecas" e por este motivo a Biblioteca "Antonio Odriozola" de Pontevedra organiza diferentes actos como visitas guiadas entre as 11.00 horas e as 18.30 horas.
Tamén se incrementará o número de obras que se poden levar en préstamo durante o Día do Usuario para todos os lectores que se acheguen á Biblioteca Pública de Pontevedra.
Tamén se nomearán tres superlectores adultos e catro superlectores infantís. Converteranse en Socios de Honra Adultos e contarán coa posibilidade de levar ata 25 exemplares para escoller entre 10 libros prestables de adultos, 10 libros prestables infantís, 15 materiais especiais (música, películas, xogos de computador e de videoconsola) e 6 publicacións periódicas prestables. Os Socios de Honra infantís pode levar ata 20 exemplares. Esta condición de Socio de Honra ten unha duración dun ano, ata o próximo Día do Usuario, o 11 de xaneiro de 2018.
Este mércores a partir das 18.00 horas farase entrega dun diploma e un lote de libros a estes Socios de Honra.
Durante esta xornada, o número de obras en préstamo para calquera usuario será o mesmo que a dos Socios de Honra.