A "locura" de Raquel Jiménez chega a Pontevedra: "Prometo que o público terá un subidón de enerxía"
Por Alejandro Espiño
Din que, con traballo e ilusión, os soños cúmprense. Iso logrou a artista catalá Raquel Jiménez. Hai tres anos gravou o seu primeiro disco e, pouco despois, comezou a presentalo en directo por toda España. Non foi un camiño fácil, pero desde entón logrou facerse un nome no mundo da música.
Chega a Pontevedra para presentar en directo Locura, o seu álbum debut. Será este xoves 23 de febreiro, a partir das 21.30 horas, en La Posada Indiana. Cantante, compositora, actriz e modelo, é unha muller de talentos. O que ten para a música, sen dúbida, xunto co seu carisma e a súa enerxía positiva sobre o escenario dará moito que falar.
É o teu primeiro concerto en Galicia. Non se se iso o fai máis especial
Faime moita ilusión porque cada vez que chegas a unha terra nova sempre lembras ese primeiro concerto dunha forma especial. Apetéceme moito empezar en Pontevedra. Espero poder compartir este concerto con toda a xente que queira vir verme e que coñezan a miña música, sobre todo pola enerxía que se desprende nun directo.
Que nos imos a atopar neste concerto de Raquel Jiménez?
Pois unha artista, compositora e cantante, con moita alma. Traio un disco que é moi dinámico, no que todas as cancións soan diferente. Iso fai que sexa un concerto moi interesante de escoitar, porque o público sempre agradece que lles entreteñas e lles sorprendas. Estou segura de que entrarán dunha maneira e sairán doutra.
Ese é un argumento moi suxestivo...
Eu prométolles que terán un subidón de enerxía. Animo moito á xente nos meus concertos porque transmito unha enerxía moi positiva. Ademais, entre canción e canción, falo co público, cóntolles cousas e explícolles os sentimentos que recollín neste disco. A música ten un gran poder para activar emocións e crea un ambiente moi próximo con eles.
Aínda que poderiamos etiquetar este traballo como pop-rock, o certo é que, tal e como explicabas, cada canción é diferente.
Se todo o disco fora pop-rock tería un aire diferente, sen dúbida. Pero eu veño do clásico e do jazz e iso nótase. É un álbum moito máis completo.
Como está a funcionar Locura, este primeiro disco teu?
Locura está a gustar moito en directo porque sorprende que o interprete con tanta dozura, aínda que teña letras tan dramáticas. É un disco moi versátil. Por exemplo, hai un tema que se chama La soledad que canto dunha forma feliz, transmitindo que de todo se sae. Imprégnolle un ton positivo e, ademais, vivo moito todos os meus temas e iso nótase sobre o escenario.
Agora estás moi centrada en abrir camiño en España. É difícil para alguén que empeza?
Custa moito, si. Hai que esforzarse e non tirar nunca a toalla. Son unha persoa que ten moita paciencia e afronto ben as adversidades. O que teño claro é que hai que tirar cara a adiante porque os soños cúmprense.
E a túa xente, a que está máis preto de ti, que che di?
No meu caso anímanme moito e dinme que vaia aos poucos. Saben que son unha gran loitadora. Apóianme en todo e danme moita forza. Por sorte, traballo no que quero e no que me apaixona. Non concibo a vida doutra forma. Iso si, sei que hai que ter moita cabeza porque esta é unha industria moi difícil.