O bo tempo non pode co amor á lectura: cheo na Festa dos Libros
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
A praza da Ferrería de Pontevedra converteuse este sábado, por segundo día consecutivo, en punto de encontro entre escritores, libreiros e amantes da lectura. As escenas foron diversas, desde clientes a comprar clásicos ou novedades editoriais a escritores asinando exemplares ou autores presentando a súa obra. E todos unidos por un obxectivo común: festexar o amor á lectura na segunda xornada de I Festa dos Libros.
A iniciativa rematará este domingo cun completo programa de actividades de 11.00 a 14.30 e de 18.00 a 22.00 horas, de modo que aínda queda por diante unha terceira xornada para que os pontevedreses se acheguen á carpa e se sumen á actividades nas que participan 13 librarías da cidade: Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Pueblo, Escolma, La Nube de Papel, Metáfora, Espazo Lector Nobel, Patakafrita, Paz e Seijas.
A primeira edicion da Festa dos Libros incluía máis de 60 actividades deste este venres. Este sábado, a pesar do día asollado e caluroso, unha multitude de persoas sumáronse á oferta proposta, sendo algunha das máis concurridas deste sábado a cita co ilustrador e humorista gráfico Luis Davila, a presentación de Blues para Moraima de Miguel Anxo Fernández, Premio Branco-Amor 2016, ou a intervención da mediática escritora e xornalista Marta Robles, que presentará o seu último libro, a novela negra A menos de cinco centímetros.
Para este domingo está previsto para as 12.30 horas un particular vermú literario con María Xesús Nogueira, acompañada polo editor Antón Lopo para presentar o libro Antoloxía da poesía galega próxima. Ademais, recitarán poemas Lara Dopazo, Xil Xardón, Alicia Fernández, Jesús Castro, Berta Dávila, Antón Blanco e Oriana Méndez e, para rematar a sesión da mañá, Juan Parcero falará da súa novela A fiestra aberta.
Ás 19.00 horas, co gallo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGBT o vindeiro 28 de xuño, desenvolveranse as 'Lecturas Orgullosas' con Eva Mejuto, que presentará 22 segundos e Carlos Callón, con Amigos e Sodomitas. Ás 20.00 horas, a xornalista e escritora Macarena Berlín presentará Háblame bajito.
Ao longo da xornada asinarán exemplares dos seus libros Míriam Ferradáns; Diego Giráldez; Salvador Rodríguez Pastoriza; Enrique Mauricio e Carlos Taboada, de Polo Correo do Vento; Juan Prieto; Loli Beloso; Inma López Silva; Crisna Corral Soilá e Aurora Cascudo Román; Eva Mejuto; Xosé Monteagudo; e Nuria Figueirido.
A música será de novo a encargada de poner o broche de ouro á primeira Festa dos Libros, desde volta coa música folk do máis actual de Primordiais. E non faltará a programación infantil. A mediodía, Maimiñas ofrecerá o concerto do seu libro Volta, revolta e reviravolta e desenvolverase un obradoiro de caracterización de personaxes de contos e historias a cargo de Risotadas. Crisna Corral e Aurora Cascudo realizarán ás seis da tarde un roteiro familiar polas rúas e prazas de Pontevedra co título 'Emprazadas'.
Ademais de todas estas actividades, ofrecerán un 10% de desconto en todas as compras. Consulta toda a programación AQUÍ.
Relacionadas:
-
RADIO.- Sara Suárez: da Biblioteca de Ponte Caldelas á Feira do Libro de Madrid
Por Marisa Ciordia |
-
A I Festa dos Libros pasa a súa última páxina. De momento...
Por Redacción |
-
Comeza a Festa dos Libros na Ferrería como espazo para reivindicar a figura do libreiro
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Máis de 60 actividades animarán a Festa dos Libros na Praza da Ferrería
Por Redacción |
-
Trece librerías de Pontevedra únense na primeira Festa dos Libros
Por Alejandro Espiño |