De "1921. La ley del plomo" a "La sombra de la ley": así é a película que Dani de la Torre rodará en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Pontevedra será, como avanzou PontevedraViva, unha das cidades nas que se rodará La sombra de la ley, a nova película do director galego Dani de la Torre (El desconocido). Así o confirmaron este mércores os seus produtores, Vaca Films e AtresmediaCine.
A gravación, que se levará a cabo en máis de 80 decorados naturais exteriores e interiores, durará oito semanas. Comezará o 12 de xullo en Barcelona e, a partir do 23 deste mesmo mes, o equipo trasladarase a Galicia para rodar en localizacións de Pontevedra, Lugo, Monforte de Lemos, A Coruña e Santiago de Compostela.
En concreto, na Boa Vila rodaranse escenas no instituto Valle Inclán e a avenida Montero Ríos e no Pazo de Lourizán.
Nesta película, De la Torre reencontrarase con Luís Tosar, que será o seu protagonista. Michelle Jenner (Isabel), Vicente Romero, Ernesto Alterio, Paco Tous (La casa de papel) e Manolo Solo completan o elenco principal.
Con guion de Patxi Amezcua (Sétimo), La sombra de la ley -que na súa fase de desenvolvemento era coñecida como 1921: La ley del plomo, inspírase en feitos históricos e quere ser un reflexo da sociedade española de principios do século XX, representando a través das súas tramas e personaxes a vida e os conflitos da época.
A película trasladaranos ao ano 1921. España vive un momento axitado e caótico: son os anos do chumbo, froito dos violentos enfrontamentos na rúa entre matóns e anarquistas. O gansterismo e os negocios ilegais están instalados na sociedade.
Nesta situación de disturbios e crimes, Aníbal Uriarte (Tosar) é un policía enviado a Barcelona para colaborar coa comisaría local de policía na detención dos culpables do roubo a un tren militar.
Aníbal e as súas formas non atopan moito apoio entre os seus compañeiros e enseguida comezan os enfrontamentos e desconfianzas co inspector Rediú, un superior corrupto.
Aníbal entrará en contacto cos baixos fondos da sociedade barcelonesa, entre eles, cun barón alemán, un mafioso con importantes conexións, e tamén co mundo anarquista máis radical, disposto a todo para conseguir os seus obxectivos. Alí coñecerá a Sara, unha moza loitadora e temperamental, cuxo encontro terá consecuencias inesperadas para ambos.
Dani de la Torre explica que La sombra de la ley é un thriller "cheo de tensión e constantes xiros na trama, con gran peso de temas como a honra, a supervivencia e a loita por atopar o camiño para lograr unha sociedade máis xusta".
O filme, promete o seu director, terá un ritmo e unha acción moi contemporáneos, xa que "será como un Bourne da época, onde convivirá o clásico cunha montaxe trepidante, grazas a unha cámara con nervio e movemento".
Relacionadas:
-
Luis Tosar pasea por Montero Ríos recreando a Barcelona dos anos 20
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A rodaxe da película 'La sombra de la ley' revoluciona o centro da cidade
Por Diego Espiño |
-
O instituto Valle Inclán, unha comisaría de cinema
Por Diego Espiño |
-
Dani de la Torre rodará en Pontevedra "1921. La ley del plomo", a súa nova película tras "El desconocido"
Por Alejandro Espiño |