Unha noite de película grazas á Banda de Música de Pontevedra
Por Cristina Saiz
A Banda de Música de Pontevedra ofreceu o último concerto dentro do ciclo Sons na Rúa, integrado na programación das Festas de Verán. E despedíase ao grande coa interpretación de bandas sonoras de películas premiadas cos Oscar de Hollywood.
Obras como Ben-Hur ou Mary Poppins entusiasmaron ao numeroso público que na noite deste venres achegábase ata a Praza do Teucro para asistir a este concerto da formación pontevedresa, dirixida por Rafael Agulló Albors.
Durante a interpretación da música proxectábanse imaxes das películas.
A Banda de Música estivo acompañada polas voces de Antía Nerga e Xurxo Trillo nunha homenaxe aos grandes mestres das composicións cinematográficas de todos os tempos.