A premiada obra 'Raclette', de Ibuprofeno Teatro, preséntase en Vilagarcía
Por Anxo Lourido
Gañadora do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, galardoada co premio ao mellor espectáculo de sala na Feira de Teatro de Castela e León-Cidade Rodrigo, mención especial do xurado no XIX Certame de Teatro Garnacha de Haro, candidata aos Premios María Casares 2017 e Premios Max, 'Raclette' é un dos espectáculos teatrais realizado en Galicia cunha traxectoria máis destacable durante os últimos anos. Este sábado 11 de novembro será representado no Auditorio Municipal de Vilagarcía a partir das 21.00 horas.
Este espectáculo da compañía Ibuprofeno Teatro baséase no texto de Santiago Cortegoso, director da obra que está protagonizada por Marián Bañobre, Iria Sobrado, Toni Salgado, Deborah Vukusic e Salvador do Río.
A historia céntrase nas relacións que se establecen entre varios personaxes durante unha cea na que se cociña ao mesmo tempo que se come. O argumento do espectáculo trata temas como a maternidade, a morte, a cobiza e a violencia.
As entradas pódense adquirir en venda anticipada ao prezo de 5 euros a través de Ticketea ou a partir das 19.00 horas do sábado 11 no despacho de billetes do Auditorio.