O premiado ilustrador taiwanés Page Tsou amosa o seu 'Xogo das agachadas' no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot
Page Tsou (Taiwan, 1978) é coñecido en España, sobre todo, polos seus debuxos realizados para obras infantís pero este artista conta cunha ampla colección de traballos de diferentes temáticas e foi reclamado por marcas da talla de Johnny Walker, Montblanc ou Gucci para as súas campañas publicitarias.
O prestixioso ilustrador achegábase este xoves a Pontevedra para inaugurar, acompañado da concelleira de Cultura, Carmen Fouces, a exposición que se poderá visitar ata o 14 de xaneiro no Pazo da Cultura.
Tsou é un especialista en pintura a tinta chinesa e deseño gráfico e estudou artes visuais no Royal College of Art de Londres. Foi galardoado con premios como o de Debuxo Man Group en 2008 ou o Premio Internacional de Ilustración Feira de Bolonia-Fundación SM en 2011. En novembro expuxo no Museo ABC e agora estes traballos chegan a Pontevedra, a segunda cidade na Península que poderá admirar a creatividade do ilustrador.
Na mostra do Pazo titulada 'Hide-and-seek' (Xogo das agachadas) obsérvase a súa habilidade en fusionar diferentes técnicas con influencia do manga, da arte urbano e da pintura oriental tradicional. Ademais, tamén se observan as súas características calugas de personaxes que ofrecen as súas costas ao ollo do público. Recóllense dez proxectos con máis dun centenar de ilustracións orixinais nos que non faltan referencias á fantasía e a motivos bélicos e sociais.
Ao longo deste mes de decembro e en xaneiro desenvolveranse visitas-obradoiro para escolares e actividades para menores de 13 anos, que poderán elaborar unha historia ilustrada baseándose na obra de Page Tsou.