Afundación acolle a segunda edición do festival de ilusionismo "Galicia Magic Fest"
Por Redacción
Afundación volve exercer de anfitrioa da segunda edición do festival Galicia Magic Fest tras o éxito do ano pasado.
O xoves 28 de decembro poderá verse no auditorio da Sede Afundación de Pontevedra en dúas sesións, ás 18.30 e ás 21.00 horas.
As entradas para asistir están dispoñibles na web Ataquilla.com.
O mago galego Pedro Volta dirixe e presenta esta segunda edición do Galicia Magic Fest, un encontro internacional de ilusionistas que contará con algunhas das mellores magas e magos da actualidade.
Desde Los Ángeles chega Tina Lenert, unha das magas máis prestixiosas internacionalmente. O seu número de maxia percorreu os cinco continentes e apareceu en centos de programas de televisión de todo o mundo.
Procedente de Rusia chega a Galicia o Dúo Kibalyon, formado por Inna Rudova e Guillermo Neumaye, especialistas en cambios de vestiario sorprendentes e ultrarrápidos. Percorreron festivais de todo o mundo e participaron en programas televisivos como Got Talent ou Lle Plus Cabaret du monde en París.
O mago arxentino Henry Evans tamén participará neste festival. É un referente dentro do sector do ilusionismo. Recibiu en 1995 a distinción de mago do ano da Entidade Máxica Arxentina, e no ano 2000 logrou en Lisboa o Primeiro Premio de Cartomagia do Campionato Mundial de Maxia.
Outro ilusionista participante será FISM, socio de honra da convención das catro FFFF. Desde 2010 é un habitual como xurado internacional en diversas competicións e actúa habitualmente no Castelo Máxico de Hollywood.
Finalmente, o mago español Arkadio tamén ofrecerá os seus trucos de maxia nesta cita. Recentemente chegado da House of Magic en Macao e do Castelo Máxico de Hollywood, presentará agora en Galicia o seu último espectáculo de grandes ilusións. Recibiu o coñecido como Óscar da maxia, o Mandrake d’ Or, e a Varita de Ouro de Montecarlo entre outros premios.
Relacionadas:
-
O mellor ilusionismo do mundo, xunto no Galicia Magic Fest de Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
A ilusión non se perde coa idade: nenos e maiores gozan do Galicia Magic Fest
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
RADIO.- I believe in maxia
Por Marisa Ciordia |
-
Pedro Volta, anfitrión en Pontevedra da primeira edición do Galicia Magic Fest
Por Alejandro Espiño |