David Quiñones, de novo Premio de Investigación sobre o Traxe Tradicional Galego
Por Anxo Lourido
O pontevedrés David Quiñones, veterinario de profesión, pero afeccionado ao traxe galego desde hai anos converteuse por segundo ano consecutivo en gañador do Premio de Investigación sobre o Traxe Tradicional Galego, que organiza o Concello de Santiago en colaboración coa Asociación do Traxe Galego.
Nesta ocasión o salón nobre do Pazo de Raxoi acollía a celebración da XXIII edición deste premio que foi a mans de Quiñones na modalidade de traballo descritivo polo estudo titulado: '1925-2017: Un ha viaxe no tempo. Estudo, recuperación e reprodución dun traxe de Santiago de Compostela'.
O xurado destacou a calidade dos traballos e a inclusión dos patróns orixinais dos traxes que foron recuperados. David Quiñones é presidente da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, dedicada ao estudo e recuperación da indumentaria tradicional galega. Ademais, é integrante da Agrupación Folclórica Celme.
Durante os últimos anos realizou numerosas exposicións, mostras e conferencias sobre o traxe tradicional en Galicia. Entre estas mostras destaca a presentada no mes de xuño no Pazo da Deputación Provincial baixo o título ' Sete varas, un refaixo', na que se puideron ver 45 traxes antigos e reproducións fidedignas de roupas tradicionais.
O Premio de Investigación sobre o Traxe Tradicional Galego é o galardón de maior importancia no estudo do traxe tradicional que se convoca en Galicia. Na modalidade de traballos descritivos preséntanse traballos nos que se recuperan traxes e especifícase o material en que están realizadas as pezas, lugar de procedencia e época, ademais de presentar patróns e medidas das pezas analizadas. Na outra modalidade, centrada en traballos analíticos, é preciso presentar información sobre os creadores do traxe e os mecanismos de produción.
David Quiñones participou tamén nas montaxes de Os de Algures sobre as figuras de Casto Sampedro, Carlos Sobrino ou de Alfonso Rodríguez Castelao en Pontevedra.
Relacionadas:
-
Música e pasarela de traxes tradicionais, a combinación perfecta de Os de Algures con Sete Espadelas
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A asociación etnográfica Sete Espadelas de Pontevedra enche o Teatro Colón cos traxes tradicionais
Por Redacción |
-
Os traxes galegos máis vistosos, no Casino Mercantil
Por Redacción |
-
Ollar e desfrutar ollando traxes tradicionais
Por Redacción |
-
Sete Espadelas obtén cinco premios no Certame do traxe tradicional galego en Compostela
Por Redacción |
-
Os pontevedreses José Luis Rodríguez e David Quiñones, galardoados nos Premios Antonio Fraguas
Por Redacción |