O teatro afeccionado volverá espallarse durante todo o ano por Poio
Por Redacción
A Concellería de Cultura presentaba o ciclo de teatro Poio Escena para os vindeiros meses. Nesta terceira edición programáronse 12 representacións, que se estenderán durante todo o ano.
Polo menos organizarase unha representación ao mes nos centros culturais e casas do pobo de Raxó, Samieira e Combarro, en colaboración coa SCD Raxó, a SCD Samieira e a ACDeM Armadiña de Combarro, ademais das comunidades de montes Rega do Can de Samieira e Rega dos Agros de Combarro, que ceden as súas instalacións para que se poidan desenvolver nestas localidades.
Nesta ocasión tamén se acollen obras destinadas a público familiar e espectáculos de rúa, neste caso durante o período estival.
Durante o primeiro trimestre as obras programadas son:
- Domingo 5 de febreiro, ás 18:00 horas. Comunidade de Montes de Combarro. Grupo de Teatro: Lohengrín Teatro. Obra: 'A mirada das... bolboretas'.
- Domingo 25 de febreiro, ás 20.00 horas. Casa do Pobo- Río de Bois Samieira. Grupo de Teatro: Moura Teatro. Obra: 'Ubú'.
- Sábado 17 de marzo, ás 21:00 horas. Centro Cultural Xaime Illa Couto- Raxó. Grupo de Teatro: Avelaíña Teatro. Obra: 'A ópera da patacón'.
Tamén nesta edición está previsto celebrar un ciclo de monólogos, no que se incluirán actuacións "bonus" con invitacións de profesionais da narración oral galega.
Para asistir ás 12 representacións xa se atopa á venda un abono anual de 15 euros para os non socios das entidades organizativas e de 5 euros para os socios. Os prezos para ver cada obra é de 1 euro para os asociados e de 3 euros para o público en xeral. Este diñeiro vai destinado a pagar os custos de montaxe e desprazamentos dos grupos de teatro afeccionado.