A primeira escola de escritura de Galicia medra en Pontevedra
O venres 16 de febreiro ás 18:00 horas comezará por quinto ano consecutivo o Obradoiro de Creación Literaria. Terá lugar no Pazo da Cultura durante catro meses, con aforamento para 25 persoas e inscrición gratuíta.
O taller está orientado a persoas a partir dos 16 anos de idade, para que, ademais de practicar a lectura, desenvolvan escritura creativa. Pretende ser un chanzo máis na aprendizaxe daquelas persoas que acudiron aos talleres anteriormente realizados.
Estes cursos da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega contan desde o ano 2015 coa colaboración do Concello de Pontevedra.
O poeta e artista plástico Baldo Ramos será o encargado de impartir as clases, da man do escritor e crítico literario Xosé María Álvarez Cáccamo, que dará unha clase maxistral. Coincidindo coas datas do obradoiro, a obra plástica dos dous artistas estará exposta no espazo Nemonón.
Coa frase "os ollos das palabras: poesía para ver", Baldo Ramos introduce o tema que tratará, a poesía visual, forma que está a ter boa aceptación polas novas xeracións.
Nas edicións anteriores tamén se contou con escritores importantes do panorama galego, como Ledicia Costas e Marcos Calveiro en 2015, Carlos Negro en 2016 e, en 2017, Eli Ríos e María Reimóndez.
Os alumnos realizarán un traballo individual, un libro de artista ou libro obxecto, con todo o material poético e plástico que xurda no taller. Ademais, todas as persoas que participen desenvolverán colectivamente un libro acordeón. Unha vez finalizado o curso, o futuro escritor poderá manter o contacto cun creador para seguir traballando na escritura creativa máis aló das aulas.
Os cursos impartidos ata o momento lograron completar a totalidade das súas prazas. Este éxito débese ao traballo previo de formación literaria que ofrece Pontevedra, segundo expuseron este xoves na presentación deste obradoiro a concelleira de Cultura Carmen Fouces e Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Língua Galega.