Semana Santa de cine na Lama
Por Clara Alonso
A Semana Santa énchese de actividades na Lama. Este venres 23 de marzo o alcalde do devandito municipio, Jorge Canda Martínez, presentou o programa de eventos culturais, destinados a toda a familia. Así mesmo, aproveitou a ocasión para convidar a todos aqueles que queiran realizar algunha das múltiples rutas da rede de sendeiros lamense.
Este ano entre as actividades orientadas aos máis pequenos podemos atopar cinema e teatro. O obxectivo deste acontecemento céntrase no entretemento das familias da Lama, así como aquelas que se achegan nestas datas ao concello.
Comeza o domingo 25 coa representación da obra de teatro 'Feliz aniversario' na Casa do Pobo da Lama, unha comedia representada polo grupo 'Alecrín'.
Para entreter aos nenos nestes días de Semana Santa, o luns continuará o programa coa proxección da película de aventuras 'Gardiáns da Galaxia-2'.
O martes será unha xornada dedicada aos contacontos. O grupo Expresióncontacontos relatará a aventura de piratas 'Na busca do tesouro'. A finalidade deste evento non só se basea en entreter aos nenos e nenas, senón tamén impulsar a lectura entre os pequenos da familia.
O cinema volve tomar o relevo o mércores 28 cunha sesión dedicada a 'Coco', unha película de animación chea de cor para todos os públicos e amantes do cinema.
As actividades do luns ao mércores terán lugar no multiusos da Lama ás 18:00 horas.
Tras a presentación das actividades, o alcalde Canda aproveitou para promocionar as rutas senderistas da localidade e convidar os amantes da natureza e o deporte para realizalas. Destacan como lugares de interese a zona do río Verdugo e o Barbeira ou a ruta de O Foxo do Lobo, así como as fervenzas de Liñares ou A Fírveda ou as Pozas de Abelaído, entre outras paradas de interese turístico e natural no municipio.
Doutra banda, retómase o programa "A Lama en Ruta" cunha excursión á Festa da Lamprea de Arbo o vindeiro sábado 28. Durante a actividade visitaranse os "pescos", nome que se lle dá ás zonas de captura de lamprea, casetas da Festa da Lamprea de Arbo e Salvaterra do Miño. A camiñada terminará coa visita á muralla fronteiriza do Miño e o Parque da Canuda.
Aqueles que estean interesados na excursión deberán inscribirse nas oficinas municipais antes do luns 23.