Xa se pode visitar na Casa das Campás a exposición "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar"
Por Redacción
A Semana Internacional da Creatividade e da Innovación deu comezo este luns coa apertura da exposición Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, primeiro acto dun programa que aglutina conferencias, actividades culturais, obradoiros e sesións de traballo dirixidas ao persoal docente e investigador.
Comisariada pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires a exposición poderá visitarse ata o 21 de maio na sede da vicerreitoría, na Casa das Campás.
A mostra reúne nos seus diferentes paneis unha escolma de 40 fotografías, que abranguen desde as primeiras décadas do pasado século á actualidade, co propósito de pór en valor o traballo, "moitas veces invisible", desenvolvido polas mulleres en diferentes sectores e actividades vinculadas ao mar.
Traballadoras da salga e da conserva, mariscadoras ou vendedoras de peixe protagonizan así unha exposición que presenta un bo número de fotografías inéditas e que se completa con dous paneis dedicados ás oceanógrafas Aida Fernández Ríos e Ángeles Alvariño e que o grupo de investigación da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais desenvolveu xunto cunha web con diferentes recursos, "que continuamos ampliando con novos materiais".
Así mesmo, na primeira xornada desta Semana Internacional da Creatividade e da Innovación insírese tamén a gravación na Casa das Campás do programa Radio Escaparate, que realizan estudantes de CCSS e da Comunicación, que nesta ocasión centrará nos contidos nesta semana, e a proxección, no Teatro Principal, do documental Las chicas de Amanecer Dorado, dentro do ciclo Docs del Mes.