70 rapaces participaron no Encontro Galicia Bass Band Infantil
Por Redacción
Máis de 70 rapaces participaron esta fin de semana no III Encontro Galicia Brass Band Infantil, a primeira das xuntanzas na que os participantes tiñan idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos.
O día 7 de abril tivo lugar a primeira toma de contacto coas partituras, traballando con mestras de todas as especialidades, Elena Regueiro (tuba), Beatriz González (trompeta), Desirée Gómez (trompeta), Eva Paola Bermúdez (trombón), Cristina García (trompa) e Carla Figueroa (percusión).
Dende a organización do evento están moi agradecidos xa que estas persoas o fixeron de forma totalmente desinteresada. "Nesta ocasión quixemos que foran todas mulleres desmitificando o feito que os instrumentos de vento-metal son instrumentos preferiblemente de homes, cousa na que estamos en total desacordo", sinalaron.
Esta fin de semana celebráronse unhas xornadas de intenso traballo, pero tamén de desfrute e de lecer, con charlas sobre o mantemento dos instrumentos de vento-metal a cargo de Vicente Castro, sesión de xogos populares, e tamén moita música nos ensaios xerais.
Os organizadores aseguran que este encontro rematou con unha sensación de traballo ben feito.
A Escola de Música Municipal e o Concello de Sanxenxo queren mostrar o seu agradecemento a todas aquelas persoas que fixeron posible esta actividade, participantes, mestres colaboradores, patrocinadores, membros da organización da Galicia Brass Band e demais persoas que o fixeron posible.