Pontevedra 'vivirá o Camiño' este luns cos contos de Celso F. Sanmartín e a música de Najla Shami Dúo
Por Redacción
O programa de artes escénicas 'Vive o Camiño' co que a Xunta de Galicia busca encher de música e teatro os concellos galegos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa chegará este luns a Pontevedra coas actuacións de Celso F. Sanmartín e Najla Shami Dúo.
A cita será ás 22.00 horas cos contos de Celso Fernández Sanmartín, Celsiño, e ás 22.30 horas coa música de Najla Shami Dúo, ambas as dúas actuacións na praza do Teucro de balde para todos os públicos. Servirá tamén para abrir varias semanas de programación nas que parte das actividades chegarán as comarca de Pontevedra ou Umia.
'Vive o Camiño' ofrece durante este verán máis de 40 actividades. Entre elas, atópanse teatralizacións con contacontos e actuacións musicais, a cargo de diferentes artistas con traxectorias recoñecidas e ampla experiencia no mundo das artes escénicas e a música. Amais, unha exposición informa en cada xornada destas dúas rutas xacobeas.
O martes 28 de agosto a programación chegará á praza da Crega de Barro coas actuacións de Anxo Moure (20.30 horas) e MJ Pérez (21.30 horas). En canto á cita con Anxo Moure, trátase dunha proposta de contos e historias das árbores do Camiño Portugués que conciencia da importancia de protexer o patrimonio forestal. O espectáculo estará acompañado nalgunhas das localidades pola animación da música en directo de Servando Barreiro.
O mércores 29 de agosto a parada será na praza da Palmeiras de Caldas de Reis. Ás 20.30 horas será o momento dos contacontos de Anxo Moure e ás 21.30 horas da música de Najla Shami Dúo.
A seguinte semana, a iniciativa chegará a Portas. O luns 3 de setembro na Casa da Cultura Domingo Fontán repetirán Anxo Moure (20.00 horas) e Najla Shami Dúo (21.00 horas).