Santiago e Lugo xa saben de que vai ésto do Festival do Leite. Pontevedra saberao este sábado 15, desde o mediodía na Illa das Esculturas. O sector primario, concretamente o produtor de leite rompe estereotipos coa creación en 2016 da Sociedade Deleite. E rómpeos, non só pola formulación da iniciativa empresarial, senón tamén polas sinerxias que están a xerar co sector cultural galego, comezando polo musical.
Sobre iso charlamos en PontevedraViva Radio con Pedro González, responsable da Sociedade Deleite Noso e con Manuel Tarrío, responsable da produción do Festival do Leite. "Unha tolemia" na que se embarcou a sociedade no ano da súa creación ao ver que a pesar da cantidade de feiras e festas gastronómicas existentes en Galicia "o leite - o principal produto do sector gandeiro galego - non tiña ningunha.
"Queremos demostrar que en Galicia hai que potenciar o talento e hai que apoiar ao sector cultural, como tamén necesita apoio o noso sector. Este festival ademais debe ser o único festival do panorama galego que non ten axudas, senón que se autofinancia", expón Pedro González. Manuel Tarrío constata esa vocación colaboradora coa que naceu Deleite e afirma que "de feito neste sector cultural hai quen xa non se expón consumir outra marca que non sexa esta".
O Festival do Leite está pensado para público familiar; de feito música e demais propostas están dirixidas a todas as idades. Na parte musical subirán ao escenario artistas e grupos galegos así como de Pontevedra, provincia e capital: Sés, De Vacas, Triángulo de Amor Bizarro, The Soul Jacket, La Casa de los Ingleses, Carlangas DJ, María Fumaça, A Gramola Gominola... entre outros.
De igual forma hai unha parte de oferta gastronómica cuberta, e como non, coa posibilidade de tomar leite, soa ou acompañada de café ou cacao. A asistencia infantil contará con actividades para eles, comezando cun taller que ofrecerá o humorista e ilustrador Luís Davila 'O Bichero'.