Cantos na Maré acolle o legado musical de Cesária Évora, a diva dos pés descalzos
Por Diego Torrado & Redacción
As mulleres foron protagonistas principais dos concertos programados durante o venres 12 de outubro en Cantos na Maré. O Pazo da Cultura acolleu as actuacións da rapeira galega Wöyza, o dúo Vudú, a intérprete Capicúa, acompañada por Eva RapDiva e tamén por Wöyza.
Pero a gran cita da segunda xornada do Festival Internacional da Lusofonía chegaba con Cesária Évora Orchestra, unha formación integrada por músicos que acompañaban á gran cantante de Cabo Verde e que retomaba sobre o escenario o mellor do repertorio da coñecida como a "diva dos pés descalzos". Tres das voces femininas máis aclamadas da cultura caboverdiana, Lura, Lucibela e Elida Almedia, foron as encargadas de interpretar os temas de Cise.
Tamén durante a xornada, o Teatro Principal acollía a actuación de Mário Lucio, acompañado por Júlio Pereira. Lúcio presentará este sábado 13 na Libraría Paz de Pontevedra a súa obra 'Meu verbo cultura', a partir das 12.30 horas. A esa mesma hora, o Teatro Principal será o escenario do proxecto musical Coladera coa intervención de Eladio y los seres queridos.
A programación deste sábado, día grande de Cantos na Maré, conta con estrelas da altura de Selma Uamusse. A intérprete de Mozambique sobe ao escenario do Pazo ás 20.30 horas ofrecendo unha combinación de estilos que van desde o rock ao jazz pasando polo afrobeato ou o gospel.
A continuación, o brasileiro Chico César iniciará o seu recital ás 21.30 horas no mesmo escenario. O autor de 'Mama África' é un dos intérpretes que participou en varias ocasións no festival desde a súa creación. A galega Mercedes Peón presentará o seu quinto traballo discográfico, 'Deixaas', a partir das 22.30 horas coa súa particular mestura de sons vangardistas con ritmos ancestrais. A cantante estará acompañada por outras dúas voces de calidade, Mónica de Nut e Ana Fernández.
A xornada ofrecerá tamén outros sons como o que trasladan os vigueses Os Meninos ou Throes + The Shine, unha interesante banda de Portugal e Angola. Tamén se desenvolverán sesións cinematográficas, visitas comentadas e unha performance a cargo de Ugia Pedreira e Marina Oural no Museo de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Gala final de Cantos na Maré: sumando culturas e sentimentos
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Kepa Junkera, Tanxugueiras, Uamusse, Uxía e Chico César pechan este domingo Cantos na Maré
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
RADIO.- A playlist de... Cantos na Maré por Uxía
Por Marisa Ciordia |
-
Teresa Salgueiro abre a edición máis ambiciosa de Cantos na Maré
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Cantos na Maré traslada todas as actuacións ao interior do Pazo da Cultura debido á previsión de chuvia
Por Redacción |
-
Cantos na Maré aposta por converterse nun mini encontro cultural das nacións
Por Redacción |
-
O primeiro coro galego, creado polo boticario Perfecto Feijoo, revive no Cantos na Maré
Por Redacción |