A violinista María Dueñas actuará en Pontevedra coa Orquestra Sinfónica de Galicia
Por Redacción
O vindeiro xoves 1 de novembro, ás 20:30 horas, a Sociedade Filarmónica de Pontevedra, en colaboración con Afundación, ofrecerá aos seus socios un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección do seu titular Dima Slobodeniouk. O concerto celebrarase no auditorio de Afundación.
Considerada como unha das mellores orquestras españolas, ademais dunha marca internacional con seguidores nos cinco continentes a través da súa canle de YouTube, a Orquestra Sinfónica de Galicia foi creada en 1992 polo Concello da Coruña, cidade en cuxo Palacio da Ópera ten a súa sede.
Baixo a dirección do seu titular, Dima Slobodeniouk, ofrecerá en Pontevedra o seguinte programa: Fratres (versión para corda e percusión), de Arvo Pärt; Concerto para violín e orquestra nº 1, de Paganini; e a Sinfonía nº 4 ("Italiana") de Mendelssohn.
No concerto de Paganini actuará como solista a novísima violinista María Dueñas, que en en maio de 2018, e con tan só 15 anos, gañou o Primeiro Premio do Concurso Yankelevitch de Rusia, dotado cun violín Eugenio Degani de 1890 valorado en 39.000 dólares tras a súa interpretación do concerto de Paganini, o mesmo que se escoitará o xoves en Pontevedra e que tamén interpretou recentemente no seu debut na sala máis importante de Viena, o Musikverein.
Ademais, a Kronberg Academy de Alemaña outorgoulle o Premio Prinz von Hessen 2017, galardón ao que se suman outros recoñecementos como o Primeiro Premio no Zhuhai International Mozart Competition (China, 2017) ou o Premio Absoluto no Concurso Internacional Giovanni Musicista (Italia, 2017).
Afundación poñerá entradas á venda para este concerto. As persoas interesadas en asistir ao mesmo e que non sexan socias da Filarmónica poden adquirir a entrada a través de Ataquilla.com.
Pola súa banda, a Sociedade Filarmónica de Pontevedra facilitará as entradas aos seus socios.
Relacionadas:
-
O Principal acolle un concerto do Cuarteto AmarArt e a clarinetista Ona Cardona
Por Redacción |
-
O Cuarteto Diógenes ofrecerá en Pontevedra obras de Mozart, Shostakovich e Beethoven
Por Redacción |
-
Marta Infante e Jorge Robaina presentan o seu disco "Dvorák Songs" no Principal
Por Redacción |
-
Dez concertos forman parte da tempada 98 da Sociedad Filarmónica de Pontevedra
Por Redacción |