Pontevedra acolle, un ano máis, o foro de referencia en Galicia sobre o Entroido galego
Por Redacción
O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais acollerán este venres e sábado, días 15 e 16 de marzo, as VII Xornadas sobre o Entroido de Galiza, organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega coa colaboración do Concello de Pontevedra.
Os seus responsables aseguran que, a día de hoxe, é o foro de referencia no país en canto a divulgación do Entroido galego.
Como se vén facendo nas últimas edicións, o foro ábrese tamén aos entroidos de Portugal e contarán coa socióloga portuguesa Patricia Cordeiro, que falará do carnaval de Podence.
O encontro comezará o venres, a partir das 18.15 horas, coas conferencias de Xosé Anxo Rosales e Guillerme Costas, sobre o achegamento ao teatro popular no Entroido de Pazos de Borbén; de Pedro Basalo, que falará sobre a historia recente do boteiro de Viana do Bolo; e de Xerardo Dasairas, que tratará o tema das máscaras no Entroido ourensán.
Xa o sábado, tamén á mesma hora, sucederanse a presentación da publicación Caderno de campo. Especial Entroido da Sociedade Antropolóxica Galega e as conferencias de Emilia Cagiao sobre a recuperación do Entroido de Samede e de Patricia Cordeiro.
En ambos os dous días, o foro concluirán cun faladoiro entre todos os poñentes.
Ademais, durante as xornadas estará aberta no CITA, en horario de mañá e tarde, a exposición fotográfica O Entroido galego, do fotógrafo etnográfico Roberto de la Torre.