A música 'pasea' por Pontevedra e soa a pé de rúa
Por Redacción & Cristina Saiz
Os primeiros 'paseantes' deixáronse ver… e escoitar polas rúas de Pontevedra. Cinco bandas protagonizaron os itinerarios musicais propostos para o arranque dunha actividade que se inclúe na programación das Festas de Verán.
Os pontevedreses puideron gozar de concertos de múltiples estilos musicais en diferentes ámbitos urbanos da cidade.
Así, durante este venres, soou a música tradicional de Aghrou e a electrónica de Aparato na glorieta de Compostela e as bandas Bottonbeat e The Swinging Flamingos na praza de Ourense. Paseantes arrancaba ao mediodía coa actuación do grupo de La Bestia Turca na praza de San José.
Este sábado, Carla Green & The Demons abrirán o evento cunha actuación ás 13.00 horas en Santa María. A partir das 20.00 horas, a música trasladarase á Praza de Curros Enríquez con Blues do País, que deixará paso a Vudú, proposta que enlaza son tradicional e soul.
Paseantes finalizará na rúa Bastida coas actuacións ás 22.00 e ás 23.15 horas de Patricia Moon e The Teta's Van.