Todo preparado para o Festival SonRías Baixas, que chega a Bueu do 1 ao 3 de agosto
Por Redacción
Xa queda pouco máis dunha semana para a edición 2019 do Festival SonRías Baixas, que os próximos xoves 1, venres 2 e sábado 3 de agosto encherá Bueu de música, sendeirismo, enoloxía e a mellor gastronomía.
A vertente musical, atractivo principal do evento, incluirá concertos de La Pegatina, La M.O.D.A., Toteking, Iseo & Dodosound with the moushunters, Boikot, Nao, Segismundo Toxicómano, Periferia Norte, Zoo, Zea Mays, SÉS, Dubioza Kolektiv, Muyayo Rif, Dakidarría, Hakuna Tanaka, Som do Galpóm, Nius de nit, Ambigüo, Ninhodelosrecaos DJ e unha última banda sorpresa.
A cita presentouse este martes no Estaleiro da Banda do Río de Bueu coa presenza do alcalde de Bueu, Félix Juncal; Ana Laura Iglesias, deputada de Turismo e Xuventude da Deputación de Pontevedra; Jacobo Sutil, director da Agadic; e os codirectores do festival, Berta Domínguez e Jordi Lauren.
Entre outros detalles, desveláronse os horarios do festival, que arrincará no Escenario Super Bock, no Recinto da Estacada, o xoves 1 ás 21.00 horas con Periferia Norte, capitaneados por JazzWoman. Ás 22.30 actuarán os Dubioza Kolektiv; ás 00.15, Zoo; e, ás 2.00 pechará a primeira noite Nao, que contará coa colaboración especial de Tanxugueiras.
O venres 2 ao mediodía abrirá as súas portas un novo espazo musical dentro do festival, o Escenario Regala Música, nas inmediacións da zona de acampada, onde soará ás 13.00 horas a banda gañadora do concurso Sonidos Mans, Ambigüo; ás 16.00, Som do Galpom; e ás 17.15, Hakuna Tanaka.
Pola tarde, a música volve ao Escenario Super Bock, ás 20.00 horas con Nius de Nit. Daranlle paso, ás 21.30, a Iseo & Dodosound with the moushunters; ás 23.00, La M.O.D.A.; ás 1.00, Toteking; e ás 2.45 pechará a xornada Muyayo Rif.
O sábado 3 será o día grande deste SonRías Baixas. A Casa SonRías abrirá ás 12.00 horas co concerto dunha Banda sorpresa no Escenario Fest Galicia, ata ben entrada a madrugada. O acceso a esta particular casa de comidas musical será gratuíto, previa retirada da pulseira cashless nas billeteiras do festival. A partir das 13.30 horas soará Sés.
A música volverá ao Escenario Super Bock ás 20.15 horas con Boikot. Cederanlle a quenda, ás 22.15, a Segismundo Toxicómano; ás 23.30 soará Zea Mays; e ás 00.35 chegará outro dos pratos fortes do festival, La Pegatina; ás 2.30, os Dakidarría pecharán o Escenario Super Bock; e preto das 4.00 da mañá será Ninhodelosrecaos DJ -trasunto de Rubén Sierra, creador, cantante e guitarrista de La Pegatina- o encargado de poñer o ramo no Escenario Fest Galicia.
SonRías Baixas, que en 2018 congregou en Bueu a máis de 21.000 persoas de toda a península e xerou un impacto de 1,14 millóns de euros na comarca do Morrazo, ofrece unha "experiencia cultural completa", na que a música actúa como fío condutor, pero que recolle tamén os múltiples atractivos da costa.
Así, as persoas que se acheguen ao Destino SonRías poderán saborear o Polbo das Rías, protagonista do menú do festival; catar o viño Tinta Femia, nunha singular experiencia enolóxica que xa ten todas as prazas completas; explorar o Morrazo e as súas paraxes, a través de tres rutas de turismo activo; gozar as fermosas praias da localidade; e escoitar nos tres días que durará o festival 19 bandas, máis ca en ningunha das anteriores edicións, distribuídas en tres escenarios.
As entradas para os concertos da noite están á venda na web por 25 euros máis gastos cada día e 41 euros o abono para as tres xornadas, coa acampada incluída.
Relacionadas:
-
RADIO.- A playlist de... Tanxugueiras: Folk bravo e revolucionario
Por Marisa Ciordia |
-
Máis de 22.000 persoas gozaron do SonRías Baixas
Por Redacción |
-
Sete Festivais Rías Baixas pensados para gozar "da mellor música, nos mellores espazos e coa mellor xente"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Sés, Iseo & Dodosound e Hakuna Tanaka, tres poderosas voces femininas para o SonRías Baixas
Por Alejandro Espiño |