Tres días no Museo para analizar o cincelado e como a microbioloxía bacteriana recupera o patrimonio
Por Redacción
A partir deste mércores 13, o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá o noveno Encontro de Conservación e Restauración no que especialistas sobre intervencións en pinturas murais acudirán para presentar a evolución que a enxeñería, os láseres ou a biotecnoloxía microbiana ofrecen na actualidade para recuperar e preservar o patrimonio.
Desta forma, ao longo de tres días, analizaranse experiencias centradas en pinturas murais, realizadas tanto en puntos de Galicia como a Santa María de Nogueira de Miño na Ribeira Sacra como en espazos de recoñecido prestixio mundial como o Museo Británico ou na Casa de Ariadna en Pompeia.
Durante as mañás levarán a cabo as comunicacións teóricas mentres que, durante as tardes, realizaranse dúas visitas guiadas, unha ás instalacións do Museo e outra ás pinturas murais das igrexas de Santa María do Campo na Coruña e Santo Tomé de Piñeiro, na localidade de Marín.
A idea segundo o director do Museo, Xosé Manuel Rey, é que estas sesións sirvan para coñecer cuestións sobre a actividade relacionada coa conservación e restauración na actualidade.
Para este evento inscribíronse 162 persoas, que recibirán un diploma pola súa asistencia. Pero as charlas estarán abertas a todo o público ata completar o aforo de 240 prazas do auditorio.
Ao longo deste encontro trataranse os diferentes métodos de cincelado e de pintado, a utilización de láseres de erbio ou como empregar a biotecnoloxía microbiana para recuperar frescos.
Entre os especialistas que intervirán atópanse técnicos galegos, de Cataluña, País Vasco ou Valencia, ademais de expertos procedentes de Gran Bretaña e Italia.