Os 'docs do mes' regresan ao Teatro Principal con 'Os tomates escoitan a Wagner'
![Enrique](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/6cd/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5d8fdbc7c1-5d8e27873e-fotoperfil.jpeg)
Por Enrique Morales
Aínda coa resaca do festival Novos Cinemas, a oferta para os afeccionados ao cine na capital non cesa. Este luns 16 de decembro se proxectará no Teatro Principal o documental 'Os tomates escoitan a Wagner', da realizadora grega Marianna Economou.
Trátase dunha proxección dentro do ciclo Docs do Mes, que trae á cidade pontevedresa o último en documentais dentro do marco do festival catalán DocsBarcelona. A proxección, que comezará ás 20.30, realizarase en versión orixinal subtitulada e terá unha entrada de balde ata completar o aforo.
En 'Os tomates escoitan a Wagner' asistimos ao retrato dunha Grecia que atravesa unha profunda crise económica e na que os irmáns Christos e Alecco únense á poboación de anciás dunha remota vila agrícola para emprender un proxecto de cultivo de tomates. O inesperado éxito internacional do seu produto porá en evidencia a contraposición entre o orgánico e o procesado pero tamén a idea dunha comunidade fronte a velocidade impersoal do mercado.
Un traballo asinado por Marianna Economou, que conta cunha dilatada carreira na realización documental e que lle valeu para facerse en 2019 co premio da prensa do Festival Internacional de Cine de Salónica.
Ficha
Título: 'Os Tomates Escoitan a Wagner' Director: Marianna Economou
Ano: 2019
Duración: 72 min. País: Grecia
Idioma: Grego, Francés, Inglés