Literatura, ilustración e teatro no III Congreso Internacional de Mediación Lectora
Por Sara Iglesias
A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, xunto coa profesora da Universidade de Vigo Eulalia Agrelo e o representante do vicerreitorado Manuel Morquecho, presentou o III Congreso Internacional de Mediación Lectora que se vai levar a cabo os días 26, 27 e 28 de marzo no marco do XXI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, cuxa temática deste ano é o humor.
Esta terceira edición do congreso conta cun programa moi completo, con obradoiros de literatura, lectura, ilustración, novas tecnoloxías e videoxogos, mesas redondas, poesía, teatro, conto oral e banda deseñada.
Este ano, o país convidado é Italia e como representación acudirá o pedagogo Francesco Tonucci, que dará unha conferencia chamada Por qué la infancia, na que reflexionará sobre conxunto da súa actividade como investigador ao redor do mundo da infancia.
Un dos invitados será Jordi Sierra i Fabra, un dos escritores que máis ten traballado sobre a importancia da lectura na crianza, segundo Fouces
O III Congreso Internacional de Mediación Lectora, celebrarase a prol das persoas que traballan entre o consumidor final de literatura, que neste caso son os nenos e nenas, e o mercado do libro. Durante esas tres xornadas o congreso vai xirar ao redor do humor, un elemento fundamental que nos permite ter un momento de distensión, e ofrecer unha ollada crítica da sociedade a partir da cal "podemos rexenerarnos" manifestou Agrelo, citando a Castelao.
Esta iniciativa comezará o xoves 26 de marzo coa inauguración oficial a cargo de Carmen Fouces e o vicerreitor da Universidade de Vigo, Jorge Soto. Os temas a tratar serán o teatro e a escritura, a través de mesas redondas ás que acudirán autores recoñecidos neses ámbitos.
Pola parte da escritura, un dos invitados será Jordi Sierra i Fabra, un dos escritores que máis ten traballado sobre a importancia da lectura na crianza dos nenos e nenas, segundo palabras de Fouces. Entre os obradoiros, destaca un que ten como finalidade detectar o machismo na literatura, a cargo de Susana Arís.
O venres 27 de marzo será a quenda da ilustración, que é moi importante no conxunto do texto que se le, e que funciona como complemento da lectura. Coa presenza dos ilustradores Kiko da Silva e Raquel Senra, que conversarán sobre as claves que manteñen para as súas creacións artísticas.
O terceiro e último día, o sábado 28 de marzo as actividades estarán concentradas na mediación lectora, cunha mesa redonda na que participarán a docente Ángeles Abelleira, a crítica Montse Pena e a escritora pontevedresa Fina Casalderrey. Ademáis, tamén haberá conversas entre outros autores e un recital poético de Lois Pérez.
Para finalizar, Fouces remarcou que "o salón é máis que unha actividade cultural onde compoñemos proxectos que crean toda a armazón da literatura infantil e xuvenil".
Aquelas persoas interesadas en asistir á programación de 2020 poden consultala na web www.salondolibro.gal a partir do 1 de marzo. Tamén poderán realizarse as inscricións a través do formulario da web. O máximo de prazas que se ofertan este ano son 125.