As claves para vivir máis, expostas na mostra 'A vivir que son 100 anos'
Afundación, a Obra Social de Abanca, presentou, en colaboración coa Fundación General CSIC, a exposición 'A vivir que son 100 anos', co obxectivo de ofrecer unha visión científica do fenómeno da lonxevidade e do envellecemento saudable. Poderase visitar na Sala de Exposicións do Café Moderno desde o 18 de febreiro ata o 26 de marzo, de luns a venres en horario de 17:30 a 20:30 horas e os sábados de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas.
A mostra percorre o proceso de envellecemento da sociedade, con exemplos e explicacións en forma de poliedros. Estes conteñen información de como aumentou a esperanza de vida da especie humana desde a súa aparición, a maior esperanza de vida das mulleres con respecto aos homes, a mellor forma de alimentarse para envellecer de maneira saudable, como inflúe a contorna e as experiencias da infancia no envellecemento, entre outras.
Esta iniciativa pretende que as persoas comprendan que o envellecemento é un proceso natural. Segundo palabras de Otero, a finalidade da mostra é a de transmitir que os maiores de hoxe en día levan vidas totalmente plenas.
O proxecto contará cun ciclo de conferencias, que inaugurará a demógrafa Dolores Puga o 3 de marzo as 19:00 horas na sede de Afundación de Pontevedra, co relatorio A revolución da lonxevidade. O 11 de marzo, no mesmo lugar, será a quenda de Manuel Collado, coa conferencia Na procura da fonte da eterna xuventude. Para unha perspectiva máis lúdica, celebrarase un ciclo de cine coas proxeccións de Vivir sen parar, o 25 de febreiro e O exótico hotel Marigold, o 2 de marzo. Ambas as dúas na sede de Afundación ás 19:00 horas.
Tamén haberá actividades interxeracionais entre escolares e os socios do Espazo +60, para que ambas partes poidan aprender da outra mediante o diálogo. Xa se confirmou a participación de máis de mil escolares.
Por último, o Espazo +60 permanecerá aberto para a cidadanía que quera visitar a mostra. Os maiores de 55 anos terán a posibilidade de participar en diversas actividades programadas como aprendizaxe de idiomas ou expresión artística.