Pontevedra, en O Son do Camiño: Furious Monkey House e Cora Velasco actuarán na súa terceira edición
Por Alejandro Espiño
A música con acento pontevedrés tamén estará presente na terceira edición de O Son do Camiño. Será coa actuación da banda Furious Monkey House e a artista Cora Velasco, dúas das referencias locais máis importantes no panorama musical actual.
Así o anunciaron os organizadores do festival que, nesta ocasión, celebrarase os días 18, 19 e 20 de xuño no Monte do Gozo de Santiago de Compostela.
Case corenta artistas galegos, nacionais e internacionais forman parte do cartel do festival que traerá a Galicia a grandes referentes de cada xénero e que, moitos eles, será a primeira vez que actúen na nosa comunidade cos seus espectáculos e escenografía ao completo.
O Son do Camiño 2020 estará encabezado, en rock e indie, por The National, Liam Gallagher, Foals ou Editors, mentres que en música electrónica actuarán The Chemical Brothers, DJ Snake, Armin Van Buuren ou Timmy Trumpet. Os cabeza de cartel complétanse con Jason Derulo en pop e Bad Bunny e Daddy Yankee en sons latinos e urbanos.
Os artistas galegos coparán máis do 40% da programación con diferentes estilos e pasando por diversas franxas de idade, entre os que destacan Guadi Galego, Xoel López, Woyza, Triángulo de Amor Bizarro, The Killer Barbies con Silvia Superstar, Boyanka Kostova, Sen Senra, Budiño, Pablo Lesuit, Presumido ou Carolina Rubirosa, entre moitos outros.
No resto de nacionais, aparecen referentes como Kase O, Lola Indigo, Carolina Durante, Natos y Waor, Miss Caffeina ou Rayden, que serán os encargados de completar un programa que, segundo os seus organizadores, será o máis diverso da súa historia.
Outra das novidades de O Son Do Camiño 2020 será a ampliación do seu aforo, chegando na súa terceira edición a máis de 100.000 persoas cun vinte por cento máis de espazo e un recinto máis cómodo que, por primeira vez contará cun terceiro escenario.
Ademais, haberá tamén un plan de transportes para comunicar o monte do Gozo coa cidade de Santiago, unha ampla área de restauración e unha zona de descanso que terá capacidade para unhas catro mil persoas.
Os abonos para o festival poñerán á venda o martes 10 de marzo, a partir das dúas da tarde, na plataforma www.eventbrite.es.