A vida artística no confinamento, a través do Facebook do Museo de Pontevedra
Por Redacción
A actividade cultural segue activa, aínda que sexa dentro das vivendas particulares. Por este motivo, o Museo de Pontevedra puxo en marcha este martes unha iniciativa para exhibir esta actividade artística de diferentes profesionais do mundo da cultura.
A través da páxina do Museo na rede social Facebook, ao longo destes días, mostraranse vídeos que terán como protagonistas a persoas creadoras vinculadas ao Museo nas que mostran algunhas das súas actividades.
Está previsto que personalidades como o ilustrador Luís Davila; o grupo Migallas Teatro; o músico e escritor Xurxo Souto ou a especialista en xestión cultural Rosario Sarmiento mostren o seu día a día nestes vídeos.
O pianista Afasto Amoedo, profesor do Conservatorio de Vigo e especialista en compositores galegos, foi o primeiro en trasladar a través do seu vídeo as súas explicacións sobre como inviste o seu tempo durante estes días.
Neste vídeo explica como foi variando as súas rutinas entre os primeiros días de incerteza ata a normalización. Desta forma, primeiro ordenou partituras e despois comezou a preparar concertos que, nalgúns casos, fóronse cancelando ou pospoñendo. Ao mesmo tempo foi pensando en programas futuros e repasando repertorio.
Por último, Amoedo ofrece unha interpretación ao piano dunha das primeiras muiñeiras escritas en Galicia, que data do século XVIII.