O Museo estrea o venres 'Solpor', a súa primeira exposición fotográfica virtual
Por Redacción
Este venres estréase a exposición 'Solpor', que organiza o Museo de Pontevedra, unha mostra que está producida para que se vexa en formato virtual en lugar de que os espectadores acudan ás salas, debido á situación actual provocada pola COVID-19.
Elaborouse un vídeo con 25 imaxes de paisaxes galegas tomadas por cinco profesionais da fotografía de Galicia. Estas imaxes van acompañadas por pequenos fragmentos de poemas de autoras e autores que foron homenaxeados con motivo da celebración das Letras Galegas.
Con esta exposición, o Museo quere celebrar o Día das Letras Galegas que se conmemora o vindeiro domingo 17 de maio e tamén o Día dos Museos, que será celebrado ao día seguinte en todo o mundo.
Polo momento, os edificios do Museo continúan sen estar abertos ao público debido á crise sanitaria. Con este formato, a dirección quere que os espectadores poidan ver as pezas a través do Facebook do Museo e a través da súa páxina web, segundo explica a comisaria da mostra, Fátima Cobo.
O vídeo está editado por Joaquín Barreiro e recolle imaxes de Xulio Gil, Susi Suárez, Anxo Rial, Enrique Touriño e Miguel Vidal. Os fragmentos poéticos pertencerán a 'O Craustro', de Ramón Cabanillas; 'Eu en ti', de Celso Emilio Ferreiro; 'Cando a luniña aparece', de Rosalía de Castro; 'Inda vou na misma meniña', de María Mariño; e 'Biografía do Miño', de Manuel María.
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra reabrirá o martes 2 de xuño cun 30% do seu aforo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
"Voces diversas" para celebrar en Pontevedra o Día dos Museos
Por Redacción |
-
'Caramomia' ou como escribir unha novela xuvenil interactiva a oito mans
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra reabrirá prorrogando as exposicións de 'Leopoldo Novoa' e 'Debuxantas'
Por Redacción |