Catro coñecidos autores galegos dirixirán os obradoiros da Escola de Letras
Por Redacción
Antonio García Teijeiro, Francisco Castro, Diego Giráldez e Inma López Silva serán os catro autores que dirixirán os obradoiros literarios deste primeiro ano da Escola de Letras da Deputación de Pontevedra, que xa ten perfilada a súa programación ata decembro.
Francisco Castro, director da editorial Galaxia, será o responsable dos dous primeiros obradoiros. Un deles, sobre escrita creativa, será en Vigo entre os días 15 e 22 de xuño; e o segundo, o obradoiro literario para maiores de 60 anos, que se impartirá tamén en Vigo durante oito xornadas repartidas entre setembro e decembro.
Pola súa banda, o escritor e xornalista Diego Giráldez, autor de éxitos editoriais como Galería de Saldos, dirixirá outro curso sobre escrita creativa en Vigo, que terá lugar os días 8 e 28 de setembro e 14, 19 e 26 de outubro.
A poesía chegará á Escola de Letras co obradoiro que dirixirá en Vigo Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no 2017, os días 16 e 17 de setembro.
Inma López Silva, unha das novas narradoras galegas máis destacadas por obras como Neve en abril, Concubinas ou Memoria de cidades sen luz, dirixirá dous obradoiros literarios nas sedes da Deputación en Vigo e Pontevedra.
O primeiro desenvolverase os días 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro e os días 9, 14 e 21 de decembro, mentres que o de Pontevedra terá lugar o 3, 10, 17 e 24 de novembro e os días 1, 10, 15 e 22 de decembro.
Todos os cursos ofertan quince prazas para ofrecer unha formación máis personalizada e propiciar a participación do alumnado. O prazo de inscrición xa está aberto.
As persoas interesadas deben enviar un correo electrónico ao enderezo escoladeletras@editorialgalaxia.gal, indicando o seu nome no asunto e, no corpo do correo, o obradoiro no que se quere matricular.
A inscrición formalizarase por estrita orde de chegada das solicitudes, ata completar o aforo de cada curso. Todos eles impartiranse no mesmo horario, das 19.30 ás 21.30 horas.