Aberto o prazo para inscribirse no Certame de Artes Plásticas Novos Valores
Por Redacción
Xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes para aquelas persoas creativas que queiran participar na edición de 2020 do Certame de Artes Plásticas Novos Valores, que organiza o Museo de Pontevedra. Pecharase o venres 24 de xullo.
As bases da convocatoria aparecen recollidas este martes no Boletín Oficial da Provincia. Este certame ten como finalidade promover a formación de artistas novos, de maneira que reciban catro bolsas dotadas de 7.500 euros cada un para que invistan en estudos de disciplinas artísticas.
Aquelas persoas, naturais ou residentes en Galicia, maiores de 18 anos e menores de 35, con propostas nos terreos da pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo creación, entre outras, poderán participar nesta convocatoria.
Os traballos que se presenten deberán ser orixinais e inéditos. O xurado descartará aquelas producións que fosen presentadas a outras edicións de Novos Valores ou noutras mostras, tanto individuais como colectivas.
Tampouco se acepta máis dunha obra por artista. O peso dos traballos non deberá superar os 500 quilos nin os dous metros de dimensión. No apartado audiovisual só admitiranse pezas en soporte CD ou DVD e a duración non excederá os cinco minutos.
Unha vez que se valide a presentación das solicitudes que se efectúen e, cando se supere este proceso, enviaranse as propostas. A inscrición realizarase por vía electrónica a través desta ligazón. Tamén se permitirá entregar de maneira presencial por rexistro a solicitude a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación. Na pasada edición presentáronse 110 proxectos.
Os proxectos escollidos polo Museo de Pontevedra serán examinados polo xurado que seleccionará un máximo de 25 obras que formarán parte da exposición Novos Valores 2020, que se realizará entre o 15 de outubro e o 15 de novembro no Sexto Edificio do Museo.
Relacionadas:
-
As propostas máis contemporáneas da artesanía galega, a exposición en Pontevedra
Por Redacción |
-
Conta atrás para elixir os ‘Novos Valores 2020’ da arte
Por Redacción |
-
O xurado de 'Novos Valores' do Museo unicamente selecciona 21 pezas para a exposición deste ano
Por Redacción |
-
A Deputación recibe 38 obras para participar no certame Novos Valores 2020
Por Redacción |
-
A Deputación abre o prazo de presentación de proxectos para os premios á mocidade
Por Redacción |