O Museo de Pontevedra tamén cancela os seus obradoiros da Feira Franca
Por Redacción
Malia que se ían desenvolver en días anteriores aos da celebración da Feira Franca e con todas as medidas de seguridade, o Museo de Pontevedra decidiu cancelar os seus obradoiros medievais para evitar equívocos entre a cidadanía sobre o desenvolvemento da Feira Franca, dado que o Concello de Pontevedra anunciaba este luns 24 que todos os actos da mesma quedaban cancelados pola situación sanitaria.
Os obradoiros relacionados coa feira medieval íanse celebrar no Museo de Pontevedra entre o 1 e o 4 de setembro co título 'Os cabaleiros do Sexto'. Nos vindeiros días transmitirase a decisión ás persoas xa apuntadas, que practicamente xa cubriran as prazas dispoñibles para a actividade.
CONTINÚA A PROGRAMACIÓN DE VERÁN
O Museo mantén a celebración durante estes días do resto da súa programación prevista, seguindo cos protocolos sanitarios. Dende este martes 25 de agosto e ata o vindeiro día 28 estase a desenvolver o 'Obradoiro de reciclaxe artística', no que as compoñentes do gabinete didáctico pretenden promover na cativada a sensibilidade do problema ambiental que producen os residuos plásticos. A partir da obra de artistas como Elena Colmeiro, Manuel Moldes ou Darío Basso, realizan unha reflexión sobre a importancia dos materiais e as texturas na creación artística contemporánea. Neste obradoiro hai 12 participantes por quenda, con idades entre os 9 e os 13 anos.
Relacionadas:
-
A arte, eixo central dos novos obradoiros de verán do Museo, con restricións de aforo pola pandemia
Por Redacción |
-
Xogando co Museo a buscar as dez diferencias en obras de Castelao
Por Oskar Viéitez |
-
Obradoiros formativos e de lecer para os máis pequenos, nova iniciativa do Museo para pasar o confinamento
Por Redacción |