Películas de Michelangelo Antonioni, Angela Schanelec e Pedro Costa para o novembro do Cineclube
Por Alejandro Espiño
Cinco películas ofrecerá durante o mes de novembro o Cineclube Pontevedra aos seus espectadores habituais. Farao, ademais cunha novidade sobrevinda polas restricións da covid-19. Ao reducirse o aforo do Teatro Principal a trinta persoas tentarase desdobrar en dous pases cada unha das proxeccións previstas.
O protagonista das sesións dos martes será o director italiano Michelangelo Antonioni, do que se proxectará a coñecida como triloxía da incomunicación, composta polas películas A aventura, A noite e A eclipse.
En La aventura, que se proxectará o martes 10 ás oito da tarde e o venres 13 ás once da mañá, Antonioni conta a historia de Anna (Lea Massari), que desaparece sen deixar rastro durante unha viaxe en barco polo Mediterráneo. A súa parella (Gabriele Ferzetti) e a súa mellor amiga (Monica Vitti) buscarana sen éxito e vense inmersos na súa propia relación sentimental.
A noite, que se verá o martes 17 ás 20.00 horas, está protagonizada por Giovanni (Marcelo Mastroianni), un escritor que antes de asistir á presentación da súa última novela acode xunto á súa muller (Jeanne Moreau) a visitar a un amigo moribundo (Bernhard Wicki). Este encontro revoluciona a relación da parella.
A triloxía péchase o martes 24, tamén ás oito, con A eclipse. Nela, Vittoria (Monica Vitti) tras discutir co seu noivo (Francisco Rabal) coñece a outro home (Alain Delon), un sedutor corredor de bolsa co que manterá un tórrido romance.
As novas películas da realizadora alemá Angela Schanelec e do portugués Pedro Costa, ambas as dúas estreadas en 2020, proxectaranse os dous luns de filmoteca previstos para este mes, en versión orixinal subtitulada en galego grazas á colaboración do CGAI.
O luns 9 (20.30 horas) e o mércores 11 (11.00 horas) poderase ver Estaba na casa, pero..., película na que Angela Schanelec narra a historia dunha muller que, tras a morte do seu marido, un famoso director de teatro, tenta recuperar a súa vida e superar a súa ausencia.
En Vitalina Varela, que se exhibirá o luns 23 ás oito da tarde, Pedro Costa presenta a unha muller, campesiña en Cabo Verde, que aterra en Lisboa tras o funeral do seu marido. Ninguén a coñece nin a consola. Na cidade descubrirá a vida secreta do seu esposo.