Nove películas competirán na sección oficial da quinta edición de Novos Cinemas
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/d1d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5fc8e2aa0b-ttwn_11.jpg)
© Novos Cinemas
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/ebd/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5fc8e2fd5c-mqv_still_escchinoise_02b.jpg)
© Novos Cinemas
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/f66/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5fc8e17995-ac_2.jpg)
© Novos Cinemas
Pontevedra colocará de novo a alfombra vermella no Teatro Principal para acoller a quinta edición de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra, que se celebrará entre o 15 e o 20 de decembro. Nove películas competirán na súa sección oficial.
Todas elas, seguindo o espírito do festival, son todas primeiras ou segundas obras dos seus directores e directoras, que representan o cine contemporáneo máis creativo e arriscado.
Visións traxicómicas sobre a decadencia dun pensador británico do século XVIII, relecturas sobre a comedia adolescente de transición ao estado adulto, cine de xénero que axusta as contas cun pasado bélico e traumático ou reflexións profundas sobre a relación que establecemos coas imaxes que consumimos son varios dos temas centrais destas películas.
A sección oficial de Novos Cinemas estará composto por:
- Accidental Luxuriance of the Traslucent Watery Rebus (Croacia), de Dalibor Barić
- Air Conditioner (Angola), de Fradique
- Dramarama (Estados Unidos), de Jonathan Wysocki
- Fortaleza (Italia), de Ludovica Andò e Emiliano Aiello
- Il n'y Aura Plus de Nuit (Francia), de Eléonore Weber
- Mosquito (Portugal, Francia), de João Nuno Pinto
- Si yo fuera el invierno mismo (Arxentina), de Jazmín López
- Tal día hizo un año (Alemaña, España, Suiza), de Salka Tiziana
- The Trouble With Nature (Dinamarca, Francia), de Illum Jacobi
O xurado oficial, que outorgará o premio á mellor longametraxe, está formado pola programadora, escritora cinematográfica, docente e cineasta Elena Duque; o director e programador Pela del Álamo e a directora Nuria Giménez, que clausurará esta edición do festival coa súa primeira película, My Mexican Bretzel, e que terá un encontro co público.
O premio do xurado novo á mellor dirección será entregado por Fernando Areal Alvite, Alba Domínguez Serén, Miguel Gómez Abad, María Ramos Lamela e Ángeles Vidal Pallas, alumnado do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.
Pola súa banda, o premio da crítica ao mellor filme das seccións competitivas, a oficial e a paralela de Latexos, estará escollido polos críticos Ángel Suanzes, Toni Junyent e Mariona Borrull e o público decidirá co seu voto cal é o seu filme favorito desta sección.
CABECEIRA DO FESTIVAL
A autora da cabeceira da quinta edición do festival é Elena Duque, que expón que para crear esta peza empregou material da súa colección e tamén metraxe atopada no que un experto en ornitoloxía envolve a dous colibrís con coidado para poder transportalos a outro sitio.
"Esa imaxe conmoveume bastante porque sentín que apelaba á maneira na que o festival trata as películas: escólleas, envólveas con agarimo e lévallas ao público para que poida aprecialas en toda a súa delicadeza", explica a cineasta:
A banda sonora da cabeceira está tamén composta polo canto do ferreirolo, o paxaro que protagoniza a imaxe do festival, no que se aúna o son das ás da ave ao moverse co dunha guitarra final pertencente á canción Pajarillo verde, da artista venezolana Soledad Bravo.