Un famoso caso de bigamia a principios do século XX na Lama protagoniza un novo número na revista 'A Pedreira'
Un soado caso de bigamia que acontecera nos primeiros anos do século XX inspira a redacción dun dos artigos da revista cultural anual 'A Pedreira', que vén de sacar o seu número 17 do PRELO (Plataforma de Préstamo de Libros Online).
Cristina Villaverde, responsable da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), rescata do esquecemento un proceso xudicial que tivo como protagonistas a un mozo portugués, que xa estaba casado, unha muller de Gaxate e os intentos do avogado pontevedrés Prudencio Landín por rebater os prexuizos da época, a moral imposta desde os púlpitos, a marxinación feminina e os convencionalismos do momento.
Esta publicación, editada e coordinada por Cristina Villaverde Ruibal, está patrocinada polo Concello da Lama dentro do programa dirixido aos concellos para actividades de dinamización da lingua galega 2020 da Deputación de Pontevedra e comezará a ser distribuída nos vindeiros días.
'A Pedreira' é un proxecto cultural activo no Concello da Lama dende o ano 2003, cando o primeiro número da revista saíu á rúa. Desde entón, e con periodicidade anual, a revista afonda en distintos aspectos culturais e turísticos do municipio, co obxectivo de achegar tanto á poboación do municipio como a visitantes información interesante desta localidade.
A NATUREZA, PROTAGONISTA TAMÉN DA REVISTA 'A PEDREIRA'
Ademais do artigo de Cristina, tamén se incluíron na revista varios artigos relacionados coa historia e o patrimonio etnográfico e natural do municipio da Lama, e entre as pezas publicadas figura a de Xosé Enrique Acuña sobre a vida de Apolinar Contreras Piñeiro, un emigrante de éxito en Lisboa, natural da parroquia de Gaxate.
Tamén hai un artigo sobre Outeiro da Misa e outro sobre o fenómeno do despoboamento progresivo do rural na provincia de Pontevedra.
Outra das curiosidades da publicación é que se trata dun proxecto colectivo no que participan un número de persoas considerable. Así, a revista recolle unha nova escolma de fotografías antigas cedidas pola vecindade do municipio nas que se pode apreciar a vida de antano, as xentes da época e os seus costumes. Dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil instigouse á participación de xente nova co fin de vinculalos a un proxecto cultural que indaga na historia e tradición do seu municipio.
Os exemplares atópanse a dispor dos interesados na OMIX e oficinas do Concello en formato físico e proximamente tamén de xeito dixital na web www.concellodalama.com, onde xa se poden visualizar os números previos.