Volve o Premio de Narración Curta do Concello de Marín para conmemorar o Día das Letras Galegas
Por Redacción
Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, Marín convoca unha nova edición do premio literario co que se busca fomentar a escrita entre escolares e adultos en lingua galega.
Esta semana está prevista a publicación das bases do XVI Premio de Narración Curta do Concello de Marín na web municipal. Como é habitual, establécense dúas modalidades, unha para escolares e outra para adultos de todo o ámbito nacional.
A data máxima para entregar os traballos será o 20 de abril de 2021. No apartado de escolares poderán participar estudantes dos centros de ensino do municipio de Marín que cursen Educación Primaria e primeiro e segundo da ESO. Os traballos deberán ser inéditos, de temática libre e realizados en lingua galega, cunha extensión máxima de tres páxinas de tamaño DIN A4, escritos por unha soa cara.
Cada centro educativo poderá presentar, como máximo, tres traballos para cada unha das catro categorías que se establecen por cursos. A dirección do centro terá que subir todos os traballos á páxina web do Concello, a través dun formulario que se habilitará para que consten os datos.
No caso dos adultos, tamén será preciso que os textos sexan orixinais, inéditos e en lingua galega. A extensión estará limitada a entre cinco e dez páxinas, tamaño DIN A4, mecanografadas a dobre espazo por unha soa cara. O tipo de letra será a "Roman" ou "Times New Roman", a 12 puntos de tamaño.
A temática será libre e cada participante terá que subir o seu traballo á páxina web do Concello, onde haberá un formulario para que se inclúan os datos persoais. Neste caso haberá un único premio de 1.000 euros.