Iria Vázquez e Luz Darriba estrean os Faladoiros Literarios Feministas de Pontevedra
Por Redacción
Dúas escritoras, Iria Vázquez e Luz Darriba, serán as autoras que inaugurarán o ciclo Faladoiros Literarios Feministas, unha iniciativa organizada pola Concellería de Igualdade en colaboración coa UNED no marco do programa de actividades do 8M.
Ambas protagonizarán unha mesa redonda, moderada pola xornalista Ana López, que se celebrará o próximo mércores 10 de marzo e na que se presentarán os libros Cómplices, a violencia machista institucional e Abril.
Para poder participar nesta xornada é necesario inscribirse a través do enlace https://extensión.uned.es/actividad.
O libro Abril, de Luz Darriba, pon o foco na ditadura militar da Arxentina, que esta autora nada en Uruguai e con lazos familiares en Pontevedra viviu durante a súa mocidade, e nas consecuencias sociais e individuais que supuxo para toda unha xeración.
Nel, a autora dá testemuña das vidas marcadas por aquela ditadura militar entre 1976 e 1983, e que levou ao asasinato, á tortura, ao encarceramento e tamén á desaparición de 30.000 persoas, e que practicou a apropiación sistemática de bebés e de menores.
Cómplices. A violencia machista institucional, pola súa banda, busca botar luz sobre un dos aspectos das violencias machistas menos estudado e tamén menos visible: a violencia que exerce o Estado sobre as mulleres que están en situación de violencia machista.
Iria Vázquez explora varios eidos e analiza con varias expertas o panorama dunhas institucións que deberían acoller e defender ás mulleres violentadas polo machismo.
A segunda cita cos Faladoiros Literarios Feministas será o mércores 17 de marzo con Eva Mejuto e Elisabeth Oliveira como invitadas, que presentarán as súas obras A lavandeira de San Simón e Libres e Vivas. Nesta ocasión, o coloquio estará moderado pola xornalista Sara Vila.
Relacionadas:
-
A pandemia non silenciará o 8M na comarca de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
As 'mulleres da vila' xa presumen da súa participación na campaña do 8M
Por Redacción |
-
"Imos seguir sinalando o que ten que cambiar. Non é unha ameaza, é un berro de esperanza"
Por Alejandro Espiño |
-
"Feminismo para cambiar o mundo", o lema que acolle todos os actos previstos para o vindeiro 8 de marzo
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
"Ogallá que falar sobre violencia machista fora unha historia de ciencia ficción"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |