Os poetas retornan á capital mundial da lírica amorosa: a Illa de San Simón
Por Redacción
Este luns ás 20 horas no edificio Sarmiento preséntase o libro Con barqueira e remador que recolle os traballos poéticos elaborados durante a primeira edición do Obradoiro internacional de tradución poética en San Simón na que participaron un escritor croata, un catalán, unha finlandesa, unha islandesa, un esloveno e un letón. Dous deles, Txema Martínez e Merja Virolainen, asistirán á presentación do libro xunto á galega Yolanda Castaño que se encargou de editar e traducir as obras destes autores de linguas minoritarias tras a experiencia desenvolvida na Illa de San Simón.
Tras o éxito, neste mes de outubro terá lugar un segundo obradoiro no mesmo espazo do 14 ao 19 de outubro con actividades en Vigo, Redondela e tamén na Casa dás Campás de Pontevedra cun recital poético multilingüe o mércores 16.
Na presentación que se realizou na Deputación Provincial coa presenza de Yolanda Castaño; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da deputada de Cultura Ana Isabel Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín Gómez e o alcalde de Redondela, Javier Bas anunciouse que na edición deste ano tamén participarán poetas africanos, de América e de Europa. Os convidados contan cunha notable traxectoria poética nos seus países de orixe e contar con experiencia no campo da tradución literaria.
O alcalde de Redondela chanceou con Yolanda Castaño ao invitala a converterse na primeira persoa que se empadroe a na Illa de San Simón a partir do momento en que se converta na capital mundial de poesía amorosa. Todos os relatores coincidiron en sinalar que esta iniciativa axuda a proxectar internacionalmente a cultura e a lingua galega.