Os monstros do cine dos 80 serán a imaxe da 49 edición do Curtas Festival do Imaxinario

Por Redacción
Gremlins, critters ou ghoulies foron pequenos e irreverentes monstros que animaron o cine dos anos 80. Catro décadas despois volverán á vida. Desta volta, como imaxe da 49 edición do Curtas Festival do Imaxinario, que se celebrará do 22 ao 31 de outubro en Vilagarcía.
O evento terá como leit-motiv estas pequenas criaturas que aparecen no cartel do festival a bordo dun barco que eles mesmos tripulan e que acaba batendo contra o porto da cidade, mentres persegue a un aterrorizado Gimzo.
O póster é obra do ilustrador arxentino Flavio Greco Paglia, que explica que cando recibiu o encargo para deseñalo "pensei que tiña que ser divertido, ser honesto cos personaxes e aproveitar a localización en favor da narración".
"Queríamos que a imaxe evocase ás películas que tantas horas de diversión nos aportaron aos fans do xénero nos anos 80 e que á vez funcionara como invitación para que o público se achegue a gozar desta festa do fantástico", engadiu Luis M. Rosales, director do festival.
Dance with the Dead, o dúo norteamericano estandarte do synthwave formado por Justin Pointer e Tony Kim, será o encargado de poñer a banda sonora ao Curtas Festival do Imaxinario 2021. Será cunha música inspirada no cine de terror dos anos 80.
O Curtas Festival do Imaxinario 2021 estreou ademais a través de YouTube o programa Zona Prohibida, un espazo temático no que se falará de todo o relacionado co cine fantástico. A primeira entrega está dedicada o Feratum Film Fest de México.
Con respecto á organización do festival, o prazo de inscrición para as longametraxes e curtametraxes que queiran participar nas seccións competitivas está aberto ata o 1 de xullo.