‘Pandemias no século XIX’, un percorrido virtual por documentos sanitarios históricos
Por Redacción
O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra vén de poñer en marcha a exposición virtual ‘Pandemias no século XIX’, na que se recollen varios expedientes sanitarios que fan referencia ás epidemias, enfermidades, centros sanitarios e persoal médico en activo a mediados de 1800.
A mostra está accesible a través da ligazón https://arquivos.depo.gal/pandemias-seculo-xix.
A pandemia da Covid volveu traer á memoria colectiva acontecementos e crises sanitarias de tempos pasados, polo que o organismo provincial se decidiu a abrir o seu amplo arquivo para a consulta.
Neste caso, póñense a disposición do público parte da serie de ‘Expedientes de Sanidade’ custodiados no Arquivo da Deputación, con referencias documentais sobre a xestión sanitaria, o control e tratamento das epidemias existentes, os centros sanitarios, balnearios, cemiterios ou o persoal médico que desenvolvía as actuacións no territorio provincial do século XIX.
A mostra comeza cunha breve introdución e achega 11 documentos dixitalizados, principalmente relacionados coa epidemia do cólera morbo.
Estes documentos escollidos abordan as comunicacións de Reais Ordes relativas á rama de sanidade; o branqueo de vivendas nos concellos para combater a epidemia do cólera morbo na provincia de Pontevedra; información sobre o estado sanitario da provincia a raíz desa epidemia; as medidas a adoptar nos diferentes concellos e distritos da provincia; as medidas sanitarias de prevención; as relacións con Portugal pola epidemia; os recoñecementos de méritos aos médicos para a concesión de pensións, gratificacións e condecoracións; o expediente relativo a cemiterios e enterramentos en varios concellos; ou a reclamación do cargamento dun barco que foi queimado no Lazareto de San Simón, entre outros.
Ademais de coñecer os expedientes incluídos na exposición virtual a través da páxina arquivos.depo.gal, pódese acceder de forma integra ao seu contido a través do portal AtoPO (enlace: https://atopo.depo.gal/), no que se pode revisar a información da totalidade das descricións e a información dos expedientes ou agrupacións documentais desta serie.
Relacionadas:
-
Unha mostra no Arquivo Provincial repasa o papel das mulleres na historia
Por Redacción |
-
O Arquivo da Deputación recibe unha subvención da AMTEGA para dixitalizar os seus fondos
Por Redacción |
-
O traballo da Deputación en memoria histórica, a golpe de click
Por Redacción |
-
Agasallo de publicacións sobre arte para celebrar o Día do Libro no Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
Inaugurase a exposición no Edificio Castelao das obras procedentes do espolio nazi
Por Redacción |