A Biblioteca conmemora o día das escritoras
Por Redacción
A biblioteca pública da Xunta en Pontevedra súmase á conmemoración do Día das escritoras, que nesta sexta edición se celebra o 18 de outubro.
A efeméride impulsada pola Biblioteca Nacional de España, xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias, e á Asociación Clásicas e Modernas ten como obxectivo a posta en valor do legado cultural das autoras literarias ao longo da historia.
As actividades conmemorativas na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola arrincaron este venres, co espectáculo de narración oral a cargo de Raquel Queizás "Cinema de historias da man de Alice Guy". A través del, búscase facerlle ver á rapazada que as historias poden contarse de diferentes maneiras e que o cinema tamén se le.
Ademais, as persoas adultas teñen un obradoiro específico de escritura creativa, con Ana Carreira. A primeira sesión terá lugar o propio luns 18, ás 18,00 horas, e repetirase o 25 de outubro e o 8 de novembro. Dirixido a persoas de 16 anos en diante, nel ofreceranse os recursos, técnicas e mecanismos precisos para desenvolver o oficio literario.
A maiores, o luns instalarase no segundo andar do centro "Ler o que elas contan", unha escolma de volumes de autoría feminina.