A estrea do mural "A pegada de Sesmero" abre o ciclo dedicado ao arquitecto que modernizou Pontevedra
Por Redacción
Un sinxelo acto na avenida de Santa María serviu para abrir a homenaxe institucional a Alejandro Rodríguez-Sesmero, "o arquitecto que modernizou Pontevedra". Foi para estrear un gran mural sobre a súa pegada na cidade e que estará instalado ata o próximo 22 de novembro. ÿ o punto de inicio da programación deseñada polo goberno municipal para recoñecer a figura do arquitecto, no ano no que se cumpre o centenario da súa morte.
O mural está encadrado entre o pazo das irmáns Mendoza e unha das fontes de ferro da primeira traída de augas á cidade (proxectada por Sesmero). Nunha das súas caras introduce as distintas actuacións impulsadas polo técnico sobre un plano da cidade. Na outra cara afonda nas actuacións máis coñecidas, ofrecendo un contexto histórico e arquitectónico. Todo un legado urbano composto por edificios institucionais e privados, a reforma dos servizos municipais e a primeira gran planificación urbanística que fixo posible o Ensanche da cidade.
A figura de Alejandro Rodríguez-Sesmero, arquitecto municipal a finais do século XIX, será recordada con varios roteiros. Neles alumnos de colexios de Pontevedra visitarán os principais edificios e espazos públicos deseñados por el como o edificio do Concello, da Deputación, da actual Subdelegación de Defensa, o pazo das Mendoza, o Mercado e a rede de fontes de ferro ou a urbanización da Alameda, a avenida de Montero Ríos e a praza de San Xosé.
O 30 de outubro chegará un dos momentos principais coa conferencia que ofrecerá o bisneto do homenaxeado, Francisco José Portela Sandoval; mentres que o 8 de novembro será a quenda dunha mesa redonda baixo o título Sesmero, historia, arquitectura e política. Nela intervirán o historiador Xosé Fortes Bouzán e o arquitecto Enrique Barreiro Álvarez. Os dous actos celebraranse no Café Moderno ás 20.00 horas.
Finalmente, o 16 de novembro, a partir das 11 horas, péchase o ciclo cun roteiro Sesmero para todas as persoas interesadas. A Concellería de Urbanismo conta para elo coa colaboración do Ateneo de Pontevedra. Partirá do mural da avenida de Santa María e estará guiado polo xornalista e historiador Rafael López Torre.
Relacionadas:
-
Proxectan recuperar a imaxe "maxestosa e nobre" da Alameda do século XIX
Por Redacción |
-
Nace o Memorial Sesmero, unha homenaxe anual a unha figura do urbanismo ou as belas artes
Por Redacción |
-
Preto de 500 escolares participaron no roteiro dedicado a Alejandro Rodríguez-Sesmero
Por Redacción |
-
Pontevedra homenaxeará a figura do arquitecto Sesmero con motivo do centenario da súa morte
Por Redacción |