Bertín Osborne e Arévalo regresan a Pontevedra convertidos en 'Dos caraduras en crisis'
Por Redacción
Tras percorrer media España con Mellizos e Más mellizos que nunca, coa que xa visitaron Pontevedra, Bertín Osborne e Paco Arévalo regresan á cidade co seu novo espectáculo cómico Dos caraduras en crisis. Esta nova volta de porca á súa aposta teatral representarase no Centro Social Novacaixagalicia, situado na rúa Augusto González Besada, o vindeiro sábado 9 de novembro en sesión dobre, ás 19.00 e ás 21.30 horas.
Se antes contaban as súas experiencias persoais, en monólogos e diálogos, e o público esquecía as súas penas e problemas, é agora, con Dos caraduras en crisis, cando combinan o humor coa canción, o que segundo os promotores fan que o espectáculo sexa máis completo e potente. Teatro para divertir que se adapta ao momento que se representa, no verán é verán e en Nadal, as alegorías cómicas son do Nadal.
Un espectáculo que pasa da representación á música e a canción. Unha mestura que obtén un resultado propio de dúas grandes figuras da comedia española que se soben ao escenario para mostrar o que mellor saben facer: entreter.
Arévalo fíxose famoso cos seus chistes de "gangosos e mariquitas", dos que chegou a gravar unha trintena de cassettes. E a Bertín Osborne coñecémolo como presentador de televisión e cantante. Agora, ambos xuntan as súas forzas e o seu talento neste novo espectáculo.
As entradas para Dos caraduras en crisis teñen un prezo que oscila entre os 25 e os 30,60 euros. Pódense adquirir en www.servinova.com e no teléfono 902 504 500.