Laroá levan no panorama musical galego desde 2016. En 2020 embarcáronse na xira 'Camiños', pero a pandemia freou o seu proxecto. Agora regresan cos 'Camiños' reformulados, redefinidos; o espectáculo con novas variables, algo máis grande e reivindicativo. Cóntanolo en PontevedraViva Radio, Miguel Fraguas (percusións, whistle e gaita) que xunto a Franc Gorriz (batería) foron os fundadores de Laroá.
A formación está conformada agora con novos integrantes. Xunto a Miguel e Franc están Madalena Gamalho e Sandra Lima (voces); Rafa Morais (baixo eléctrico), Antonio López 'Monano' (teclado) e Roso Marinello (saxo soprano, clarinete baixo). Musicalmente englóbanse nas 'world music', músicas do mundo que funden coas autóctonas galegas.
Di Fraguas no 'Cara a cara' que conseguiron achegarse ao son que buscaban desde o inicio "moi pegado á raíz, á terra, coas sonoridades que nos caracterizan que son as músicas do mundo e o jazz. Sentimos que estamos no momento máis doce de Laroá". Nun momento de difusión musical por plataformas dixitais, Laroáé en primeiro lugar espectáculo en directo. Un espectáculo sen restrición de idades. Un espectáculo para ver e escoitar; que se canta, interprétase, báilase, proxéctase.
Conceptualmente é tradición, son os informantes, son as lusofonías, é a muller. "Os informantes son importantísimos porque a nosa tradición non sería o mesmo sen eles, sen os investigadores e recuperadores que se dedican a ese traballo. Débense valorar moitísimo para permitir trasladalo a novas xeracións e poder reinterpretarlo tamén", di, engadindo que "a muller é o motor do noso espectáculo".