A Casa Museo Valle Inclán de Vilanova de Arousa vai rehabilitarse con 523.000 euros do Plan Xacobeo Next Generation
Por Redacción
Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, visitaba este luns 28 a Casa Museo Valle Inclán de Vilanova de Arousa para anunciar a rehabilitación deste Ben de Interese Cultural (BIC) cun investimento que se inclúe nos 27,4 millóns de euros procedentes do Plan Xacobeo Next Generation.
Segundo indicaba o representante do goberno galego, con esta intervención vai poñerse en valor o patrimonio histórico deste edificio do mesmo xeito que sucederá con outro doce BIC de Galicia, que se atopan dentro dos Camiños de Sanitago.
As melloras centraranse en acondicionar o espazo para as visitas incluíndo intervencións de sustentabilidade, accesibilidade, eficiencia enerxética e modernización a través da dixiltalización destes centros de interese turístico.
Rueda estivo acompañado por Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, e por Luis López, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, durante a visita á vivenda natal do autor de Vilanova na que permanecen unha recreación do inmoble orixinal e unha exposición sobre a súa biografía e a súa obra literaria. Destinaranse 523.000 euros para levar a cabo reparacións no interior e no exterior do edificio, con melloras nos xardíns; drenaxe e eliminación de humidades, iluminación con tecnoloxía LED; incorporación dun sistema de climatización; e dotación de material multimedia para favorecer a divulgación dos elementos deste espazo cultural.
Os 27,4 millóns de euros que se destinan aos 12 BICS de Galicia supoñen o 40% dos 65 millóns destinados a toda España para este fin. O resto de espazos reformados serán: a Ribeira do Lérez desde As Xunqueiras ata as Aceas (1,21 M€); o arquipélago de Sálvora (968.000 €); o arquipélago de Ons (1,69 M€); Pasatempo en Betanzos (1,8 M€); a paisaxe cultural de Ribeira Sacra (1,69 M€); a Torre de Hércules (1,2 M€); o cárcere vello de Tui (484.000 €); as Torres do Oeste de Catoira (363.000 €); o conxunto histórico de Mondoñedo (330.000 €); e o castelo de Santa Cruz da Guarda (242.000 €).