Teatro e cinema en Bueu para reivindicar a igualdade real entre homes e mulleres
Por Redacción
O Concello de Bueu ten programado para este sábado 12 de marzo dous actividades para concienciar sobre a necesidade da igualdade real entre homes e mulleres.
Deste xeito, no marco da programación organizada con motivo do Día Internacional das Mulleres, o Centro Social do Mar acollerá ás 18:00 horas unha obra de teatro infantil para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos.
Baixo o nome 'Conversas con Tana', o espectáculo conta a historia dun granxeiro e a súa cadeliña Tana, os cales manteñen unha fluída e divertida conversa na que reflexionan, con humor e sensibilidade, sobre cuestións relacionadas coa igualdade de xénero, o fomento do hábito lector, o coidado e respecto polo medio ambiente, a saúde etc.
Tamén será protagonista a parte audiovisual grazas á colaboración do Cineclube. Ás 20:00 horas proxectarase a película 'Hive', dirixida por Blerta Basholli, cinta que parte da historia nunha vila moi unida de Kosovo, na que as familias loitan por chegar a fin de mes, ansiosas por recibir noticias dos maridos, pais e fillos que foron á guerra.
O filme conta que cando as abellas de Fahrije deixan de producir mel, decide sacar o carné de conducir e aventúrase á cidade para vender ajvar caseiro nunha tenda de comestibles local. A súa inxenuidade e ambición poñen a proba aos habitantes dunha vila conservadora por natureza na que seguen vixentes as nocións patriarcais e tradicionais da sociedade. Para poder sobrevivir ten que superar os insultos e os ataques físicos que tratan de impedir por todos os medios que a muller poida valerse por si mesma.
Estas dúas actividades terán entrada de balde ata completar aforo, e con elas buscarán achegar a reflexión feminista a diversos sectores da sociedade.