Xaquín Soneira convértese no artista marinense de 2022
Por Redacción
Dentro do proxecto Artistas Marinenses, creado para realizar mostras anuais sobre un destacado artista nado ou residente en Marín, nesta ocasión o Concello decidiu centrar a atención na figura de Xaquín Soneira Patiño, que dedicou a súa vida a desenvovler a arte e, en especial, a pintura.
A mostra sobre a súa traxectoria inaugúrase este xoves 31 de marzo, a partir das 20.00 horas, no Museo Manuel Torres. Comisariada polo pintor Antón Sobral e coordinada pola concelleira Itziar Álvarez, a exposición estará acompañada da presentación dun catálogo sobre a súa obra, no que se ofrecen textos de Begoña Soneira, sobriña do artista, que permitirán coñecer as súas inquedanzas.
Ramón Francisco Soneira 'Xaquín Soneira' naceu en Marín o 5 de febreiro de 1953. Fillo de Juan Soneira e Manuela Patiño, Xaquín criouse cos seus catro irmáns na súa vivenda situada na Rúa da Roda. O seu pai era un mestre de escola, represaliado durante a ditadura franquista. Tanto Xaquín como os seus irmáns herdaron as súas habilidades artísticas. No seu caso realizou a primeira exposición na alameda de Marín a mediados da década dos sesenta.
O pintor mantivo unha estreita relación co Ateneo Santa Cecilia, alí o seu pai coincidía co seu amigo artista e mestre Manuel Torres, outro amante da acuarela. Xaquín foi un pintor sempre relacionado con Marín e as súas pezas tentaban reflectir sempre a cor, recollendo personaxes, musas e formas abstractas. Foi de formación autodidacta e destacou polos seus óleos na época dos anos 80 e 90. Traballou a acuarela, os acrílicos, a talla e a escultura en madeira utilizando diversos soportes. A principal característica dos seus traballos concéntrase na enerxía e a viveza da cor.
Falecía en Marín con 66 anos en 2019 e os seus restos descansan no cemiterio da Raña, no panteón familiar. Persoas próximas ao seu traballo crearon a Plataforma Xaquín Soneira Patiño para recoñecer o seu traballo sempre innovador.