A gaita de Xan de Campañó, a máis antiga do mundo
Por Redacción
Preto de tres décadas leva o investigador, músico e artesán Pablo Carpintero percorrendo pártea norte da Península na procura de gaitas de fol antigas.
Durante este tempo este investigador do Programa de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo chegou a documentar máis de 380 instrumentos partindo do feito de que o rozamento dos dedos ao tocar provoca un desgaste na madeira, que será proporcional ao tempo de uso. Carpintero comezou a traballar nunha maneira matemática de avaliar a antigüidade dunha gaita medindo o desgaste nos punteiros. O resultado deste proceso, que se insere na tese de doutoramento que leva a cabo baixo a dirección dos profesores Susana Reboreda e Iván Area, é un método que lle permitiu coñecer a existencia en Galicia e Portugal de gaitas que permanecían en uso desde a Idade Media.
Algún destes instrumentos centenarios soarán de novo este venres 22 de abril, na actividade que protagonizará o investigador no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra (19.00 horas) e na que presentará algúns dos achados do seu traballo.
A súa investigación complementouse con datacións realizadas co método do carbono 14 as diferentes gaitas, confirmando a eficacia do seu modelo matemático de catalogación, resultado de "seis anos de experimentos científicos", recoñece, nos que mediu os desgastes de 144 punteiros.
Nesas probas de precisión "a máis sorprendente foi a do punteiro da gaita que pertencera ao pontevedrés Xan Tilve, (Xan de Campañó), para a que o modelo calculaba unha idade mínima de 490 anos, mentres que as probas do carbono 14 asignan á madeira do seu punteiro unha antigüidade "de entre 550 e 600 anos, converténdose así na gaita máis antiga do mundo ata a data", explica Pablo Carpintero.
Cedida para esta actuación, o investigador e artesán tocará ademais cun instrumento que pertenceu ao gaiteiro marinense José María García "á que o modelo matemático dálle 300 anos de uso". Tamén empregará tamén unha réplica realizada por el dunha gaita que pertenceu ao gaiteiro de Poio Manuel Villanueva e que se conserva no Museo, e empregará por último unha segunda réplica, esta vez dunha gaita portuguesa que se conserva no Museo de Etnoloxía de Lisboa e que, sinala, "seguramente é a máis antiga do noroeste" asignándolle máis de 500 anos de uso.