O mítico Salón García de Vilagarcía levanta de novo o telón
Por Aitana Vidal
O Salón García levantou o telón este venres para iniciar unha nova era na súa xa longa historia. Completamente rehabilitada, a sala inaugurada en 188 hai xa 130 anos, comeza agora unha nova andaina conservando todo o seu esplendor.
A programación a desenvolver durante toda a fin de semana para celebrar a reapertura do salón comezou este venres cunha sesión inaugural á que asistiron asociacións culturais, veciñais e autoridades e na que o espectáculo foi integramente local.
O espectáculo deseñado para o acto de inauguración lembrou a época dourada da centenaria sala pero tamén incluiu actuacións máis actuais. Cine mudo amenizado con piano, ragtime, pop e rock pasaron polo emblemático escenario da man de grupos locais seguindo o estilo "varietés" polo que se caracterizou sempre o Salón García.
Interviron na función o pianista Juan Carlos Porto, o día Gramola, o quinteto Chalumiaux e o grupo Seangles. Un artista da vila, Josito Porto, foi o encargado de conducir a función que se abriu cun documental sobre a historia da sala. Acomodador e cigarreiras contribuiron a ambientar aínda máis a inauguración.
Despois da inauguración, o programa de actos para celebrar a reapertura da emblemática sala prosegue durante a fin de semana con actividades para todos os públicos. Teatro para o sábado, e un domingo con visita técnica e sesión continua de cine permitirán aos vilagarciáns gozar as recuperadas instalacións culturais e comprobar a ambivalencia das mesmas para acoller todo tipo de espectáculos.
O estilo "varietés" característico da sala dende a súa creación hai xa 130 anos e a mestura de espectáculos propios da época dourada do Salón García con outros máis actuais será a tónica predominante da programación da fin de semana.
Así, a sesión sabatina, aberta a todo o público previa retirada de invitación, abrirase coa proxección do documental sobre a historia do salón para dar paso, a continuación, a un espectáculo centrado no teatro, con varias representacións de duración curta a cargo dos grupos locais Trípode, O Noso Lar e Clámide. Tamén haberá espectáculo de cabaret a cargo de Nydia, unha actuación cómico musical protagonizada por Gaspar González e Josito Porto e a proxección dunha cinta de cine mudo amenizada por pianista. O acto conducirao outro showman de Vilagarcía, o popular Tacho González que tamén protagonizará un animado "combate" musical co seu irmán Garpar.
O domingo a actividade no Salón García será dobre. Pola mañá celebrarase unha sesión vermú específica para asociacións, grupos e produtores culturais con obxectivo de que coñezan as instalacións e vexan as súas posibilidades de cara á programación de eventos e actos culturais de diverso tipo. Realizarase unha visita técnica ás dependencias do salón, haberá un concerto da Banda de Música e finalizará o acto un aperitivo no vestíbulo do salón.
O público en xeral poderá pasar unha tarde de cine o domingo no Salón García onde está programada unha sesión continúa co pase de dúas películas. A sesión infantil comezará ás 17:00 horas coa proxección do clásico animado de Disney El Libro de la Selva, e as 19:00 horas será a sesión para todos os públicos que comezará coa proxección do documental sobre o salón García e a continuación pasarase The Artist, a película muda francesa rodada en branco e negro gañadora dun ÿscar en 2012.
A entrada para a función do sábado e as proxeccións de cine do domingo é de balde con invitación. De sobrar entradas tras o reparto realizado nos últimos días, deixarase acceder ao público que acuda ata completar aforo.